O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, cualificou hoxe ao alcalde de Padrón, Anxo Rei, de “déspota e irresponsable” ao non querer implicarse na cofinanciación das obras de mellora que precisa o edificio do centro de saúde, que é de titularidade municipal, e “priorizar outros investimentos secundarios, por razóns ideolóxicas e por intereses partidistas e de autobombo”.
Ángel Rodríguez Conde, que mantivo a semana pasada un encontro no Parlamento co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para interesarse sobre o ofrecemento para cofinanciar ao 50% un investimento de 258.500 euros no centro de saúde padronés, salienta que en Galicia hai 222 centros de saúde de titularidade municipal e “hai 221 alcaldes que cumpren coas súas obrigas de conservación deses inmobles, mentres que o alcalde Padrón actúa como un mal pagador que pretende eludir a súa responsabilidade”.
Neste senso, o conselleiro apuntou que este tipo de acordos de cofinanciación de obras son “habituais” nos centros de saúde de propiedade municipal, con independenza da cor política que goberne neses concellos. Así, puxo como exemplos os convenios asinados en Fornelos de Montes, Teo, Cee, Porto do Son, A Veiga ou As Neves.
Rodríguez Conde pídelle ao alcalde que “abandoe a demagoxia e a estratexia de confrontación coa Xunta de Galicia” e “faga política desde a seriedade e a responsabilidade”, consignando os fondos municipais necesarios para corrixir as eivas do edificio. “Insistimos en que un alcalde que reserva 15.000 euros para accións de memoria democrática que ninguén lle pediu e que incrementa en 100.000 euros a dotación orzamentaria para unhas Festas da Pascua nas que xa se investían 200.000 euros non ten xustificación para pretender eludir o 50% dun convenio de colaboración que lle propón a Consellería de Sanidade desde a responsabilidade”, sinala o voceiro popular.
“O alcalde pretende facer unha política populista que en nada beneficia á veciñanza de Padrón e desde o Partido Popular non imos participar nin apoiar os seus circos. O único responsable de que as melloras do centro de saúde non se estean arranxando xa é el”, subliña Rodríguez Conde.