Xa Rosalía de Castro abominaba deles, adicándolles un poema polo que parece que o tempo non pasa: «Que Castela e casteláns, todos nun montón, a eito, non valen o que unha herbiña dos nosos campos frescos». Hoxe, de seguro tamén a nosa poeta universal asinaría o «fodechinchos» co que se coñeze a eses casteláns de Castela que, no canto de crerse superiores ao resto, só acaban demostrando ser donos dese paletismo que tanto gostan de atribuirlle a outros.
E vén a colación polo acontecido a unha guía turística que desenvolvia o seu labor na Costa da Morte, concretamente no Dolmen de Dombate onde foi increpada por un grupo de turistas vallisoletanos, ofendidos porque estaba a facelo en galego. «Paleta», «imbécil» e por suposto, o clásico entre clásicos, «habla en español que estamos en España». Non contentos con iso, tamén chegaron ao contacto físico, sendo agarrada polo brazo e ameazada con queixarse a non sei quen. A afectada, de nome Iria, tivo que recorrer ao servizo de Seguridade para salvagardar a súa integridade, posta en perigo porque a señoritada castelá non concibe pisar un lugar onde se falen máis línguas que a única que eles coñecen. Co ancha que é Castela, xa non se entende que fan aquí. O galego non e un idioma indescifrable para xentes doutros lugares, pero se o fose, con pedir amablemente unhas indicacións que facilitasen a súa comprensión, probablemente a guía non tivese ningún problema en atender os seus desexos. Nin tampouco ninguén máis do grupo asistente, que non demostrou ter problema algún ao longo da visita. Parece incrible que Rosalía, tan adiantada ao seu tempo, puidese vivir neste século XXI sen que os anos pasasen por ela.
«Permita Deus, casteláns,
casteláns que aborrezo,
que antes os galegos morran
que ir a pedirvos sustento».