A carraxe. Por @DulceCorcu

Son datas de amor e paz, de bos desexos e esa sensación de que nada malo pode pasar, de anestesia xeralizada para non ver que a maldade segue instalada no mundo e as súas vítimas son inocentes abocados a vivir baixo as bombas que empurra un capitalismo feroz. Sen oco para a esperanza entre as mesas de obscena abundancia e os anuncios de sofisticados agasallos que se poden permitir uns poucos escollidos. Este é o mundo que tamén habitaba Rejane ata onte, antes de ser asasinada pola súa parella no mesmo día no que os violadores da francesa Gisèle Pelicot, recibían as súas condeas nun xuízo arrepiante no que soubemos tódolos e aberracións aos que fora sometida, primeiro polo seu propio home, e despois por outros que eran incitados por el mesmo.

Unha carraxe que traspasou as fronteiras dun país horrorizado, que se daba de fronte cun machismo atroz que, con demasiada frecuencia, queremos pensar que non existe. Rejane nunca presentara denuncia nin estaba rexistrada en ningún dos protocolos de VioXén, pero o mediodía de Covas, en Viveiro, tinguiase desa mesma carraxe mentres era acoitelada ata a morte. Por ser muller. Porque somos as que sufrimos esa violencia desatada cando queremos ser libres, marchar, voar ou, sinxelamente, deixar de ser sumisas e ter dono. Gisèle nunca volverá ser a mesma despois de todo a canto foi sometida, vive para ver aos seus verdugos cumprir a sentenza imposta, mentres Rejane non volverá ver ao seu fillo nin coñecerá a súa neta. Nin verá ao seu asasino en ningunha cadea. Non verá nin sentirá nada nunca xa, nin sequera a carraxe que nos ferve por dentro ás que quedamos aquí, agardando -en van, sabémolo- que non haxa nin unha máis. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios