O Portavoz do BNG no Concello, Rubén Arroxo, lembrou unha vez máis que «en menos de 6 meses vai estar rematada a estación intermodal e, polo tanto, os autobuses que agora mesmo están funcionando na estación do centro van trasladarse, deixando ese espazo inutilizado». Arroxo criticou «a forma de funcionar que ten a Xunta a este respecto», e puxo como exemplo a Vella Residencia, que estivo 13 anos abandonada ou espazos da Tinería como o Pazo de Dona Urraca ou a Casa Torre «que levan 17 anos totalmente paralizadas», ou o Cuartel de San Fernando «onde a pesar de haber un compromiso histórico vemos como a Xunta segue sen asumir os seus propios anuncios».
Arroxo afirmou que «é importante trasladar esta cuestión, que se leve ao Parlamento, en primeiro lugar coa proposta que temos dende o BNG» dixo Rubén Arroxo, que engadiu «unha proposta que levamos tempo socializando, que ten un gran apoio por parte da veciñanza».
O BNG é consciente de que existen diversas propostas, «o cal nos parece moi positivo». Nese sentido, o BNG reiterou a idea de que a Xunta leve adiante «un referendo para que sexa a veciñanza quen decida entre as diferentes propostas, como se fixo no seu día co fuxan os ventos». «Estamos ante unha oportunidade única, cremos que se debe levar a cabo e defenderemos a idea no Parlamento galego», explicou Arroxo
Pola súa banda a deputada Olalla Rodil anunciou que o BNG xa rexistou unha iniciativa para que a Xunta cree o Gran Parque Central de Lugo. «Damos traslado a unha proposta que fixo o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, pero que é unha demanda xa do conxunto da cidadanía de Lugo, que foi obxecto dun acordo no pleno municipal no pasado mes de febreiro de 2025 e que, conta cun amplísimo apoio social», dixo.
Rodil afirmou que o Gran Parque Central é un proxecto estratéxico para o futuro da cidade, para a transformación urbana e «sobre todo, para recuperar espazos para as persoas, un elemento central do proxecto político do BNG».
A deputada explicou que esta proposta obrigará ao PP «a clarificar a súa postura respecto ao futuro do espazo da actual Estación de Autobuses, porque estamos a ver un constante cambio de propostas, agora desbotando unha idea que eles mesmos elaboraron no ano 2020». «O PP ten que explicar por que o proxecto que valía no 2020 agora mesmo xa non lle serve para Lugo», dixo Rodil.
«Nós vemos ao Partido Popular facendo o único que sabe facer: enredar, cambiar de posturas, facer anuncios distintos para deixar a cidade de Lugo absolutamente paralizada», afirmou Olalla Rodil, que engadiu «o PP non ten proxecto para Lugo e a Xunta o único que fai é enredar, estamos a velo agora coa estación de autobuses, amosan unha especie de querencia agora por un edificio ao que non lle demostraron nada nos últimos 17 anos».
Rodil lembrou que o último investimento que fixo o goberno do Partido Popular, que é titular e responsable do mantemento desa estación de autobuses foi de 47.600 euros «para cambiar uns bancos, poñer unhas plantas e facer unhas pinturas alí onde estacionan os autobuses», dixo Rodil, que engadiu «isto é a mostra de que cando tiñan que quererlle á estación de autobuses, cando tiñan que apostar por facer investimentos e rehabilitala, o goberno do Partido Popular non fixo absolutamente nada».