Caso Cospeito: O PP de Lugo arremete contra o silencio do PSOE ante a investigación

O PP da provincia de Lugo esixe explicacións ao PSOE lucense ante a noticia do caso do seu portavoz en Cospeito investigado por un presunto delito de lesións á súa parella. De confirmárense os feitos relatados, deben ser “publicamente condenados”.

Os populares, aínda que respectan a «presunción de inocencia», recalcan que este tipo de comportamentos, de confirmarse, «esixen o máis contundente rexeitamento de toda a sociedade». Así, cualifican de «sorprendente e inxustificado o silencio» do PSOE da provincia e de Galicia, en figuras como José Tomé, Lara Méndez e José Ramón Gómez Besteiro. Subliñan a disparidade de criterio, acusándoos de non ser tan esixentes como cando se trata de casos do PP, nin cando o propio José Tomé proferiu insultos a Elena Candia pola súa vestimenta.

Dende o PP de Lugo agardan “explicacións” por parte do propio voceiro do PSOE de Cospeito. “O feito de non declarar evidencia a pouca vontade por aclarar os feitos”, consideran os populares.

Á vista de que “parece que o único que lle preocupa é a súa carreira política”, lembran que “continúa investigado”, foi posto en liberdade provisional sen fianza. Así, os populares esperan as decisións que cren que debería adoptar o PSOE lucense “de forma inmediata”.

Aos representantes públicos esíxesenos exemplaridade en calquera ámbito. E tendo en conta os presuntos feitos que se desenvolveron nun espazo público distan moito do comportamento que debería adoptar calquera representante público, agardamos a condena pública por parte de todos. Tamén do BNG.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios