A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa ata decembro sete espectáculos no teatro principal de Ourense

Urban landscape photography in Plaza Mayor, in Ourense, with the symbol of Santiago de Compostela walkers in the foreground.

As estreas de ‘A metamorfose’, de Sarabela Teatro, e ‘Nas nubes’ de Redrum Teatro, ou as pezas de danza ‘Dique’ e ‘Tabú’ ofrécense na cidade das Burgas a través do circuíto autonómico.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Xunta e 43 concellos e entidades locais asociadas, achegaralle sete funcións escénicas á programación do Teatro Principal de Ourense no segundo semestre do ano. A Rede destina preto de 48.000 euros para financiar estas representacións de teatro e danza en Ourense, como parte dun orzamento para o segundo semestre en toda Galicia que supera os 810.000 euros e ofrece 219 actuacións a cargo de 115 formacións artísticas (103 compañías escénicas e 12 grupos de música).

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, detallou esta colaboración durante a presentación celebrada hoxe no teatro ourensán, na que participou xunto ao vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández Gil, á directora do Teatro Principal, Olga Mojón, e ao vicerreitor do Campus de Ourense-Universidade de Vigo, Javier Rodríguez Rajo.

Estreas da temporada

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a calidade e a variedade da oferta do Teatro Principal así como a súa aposta pola creación galega. Destacou a estrea de A metamorfose, a nova produción de Sarabela Teatro que adapta ao galego a famosa novela de Franz Kafka. Carlos Álvarez Ossorio dirixe o espectáculo cun elenco formado por Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fernando González, Sabela Gago e Fina Calleja, e cun equipo no que Baltasar Patiño está a cargo da iluminación, Nuria Sotelo do movemento escénico, Ruth D. Pereira do vestiario e Vadzim Yuknevich do campo sonoro. Esta produción, apoiada pola Xunta a través da convocatoria de subvencións á creación escénica, abre a programación do escenario ourensán e poderá verse o 5 de setembro no marco  da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Sutil tamén salientou a estrea o 15 de novembro da nova montaxe de Redrum Teatro Nas nubes, unha comedia distópica sobre o impacto da tecnoloxía nas nosas vidas a partir da obra coa que José Luis Baños de Cos gañou o premio Barriga Verde de textos para monicreques convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais. Redrum é unha das tres compañías galegas beneficiarias das axudas da Xunta á creación escénica na modalidade destinada a proxectos plurianuais, polas que recibe 100.000 euros para garantir a continuidade dos seus equipos e proxectos no trienio 2025-2027.

Como parte do circuíto autonómico, o Teatro Principal de Ourense tamén acollerá na súa nova carteleira cuadrimestral as pezas de danza Dique, de Nova Galega de Danza coproducida polo Centro Coreográfico Galego (11 de setembro), e Tabú, de Colectivo Glovo (21 de novembro); Los yugoslavos, con texto e dirección de Juan Mayorga e un elenco formado por Luis Bermejo, Javier Gutiérrez, Natalia Hernández e Alba Planas (19 de setembro); a nova montaxe de Contraproducións Yo solo quería irme a Francia(22 de novembro) e a comedia Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro protagonizada por Elisardo de la Cruz (4 de decembro).

Tamén cine e música

Ademais, xa fóra da Rede, a nova carteleira do Principal inclúe proxeccións da vindeira edición do Ourense Film Festival (OUFF) e do Festival Internacional de Teatro (FITO), apoiados tamén polo Goberno autonómico, e outras propostas de teatro, danza, circo, música e cine.

Así, o público adulto poderá ver as producións teatrais Guitón Onofre con Pepe Viyuela e Bernardo Sánchez baixo a dirección de Luis d’Ors (25 de setembro), Camino a la Meca de Pentación Espectáculos con Lola Herrera como protagonista (12 de decembro) e Música para Hitler de Tal y Cual Producciones (20 de decembro). Destacan, así mesmo, as actuacións musicais da Orquestra Filarmónica de Cámara de Colonia (8 de outubro), o ciclo Blues Teatro Principal (11 e 12 de outubro), a Real Filharmonía de Galicia (17 de outubro), o Festival Voces Femininas (28 de novembro), a Orquestra de Cámara de Toulouse (29 de novembro) e o concerto de South Carolina Gospel Choir (17 de decembro). Xa en decembro, terá lugar o ciclo Nadal en Familia, con propostas dirixidas especialmente ao público familiar, como son o concerto da orquestra e coro da New Filarmónica (día 21), as pezas de danza Mímesis de Zigzag Danza (día 26), La maestra de Anita Maravillas e Portal 71 (día 27), teatro de obxectos con Compaña da galega Xampatito Pato (día 29) e circo co espectáculo Doppiozero de Circo Carpa Diem (día 30).

560 funcións en toda Galicia

Durante este 2025, a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta cun orzamento de máis de 2M € e programa 560 funcións de artes escénicas e musicais de 198 formacións en 43 concellos das catro provincias galegas. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, dispón para este ano un orzamento de preto de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, co que se constitúe un mercado determinante para a distribución interior dos espectáculos producidos no país. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios