O PP advirte de que se o alcalde non toma medidas inmediatas en materia económica o Concello de Trabada “acabará sumido na ruína”

José María Fernández afirma que senón cambia a xestión que está a realizar o alcalde, o Concello terá que subir máis taxas e impostos municipais, como sucedeu coa auga e a recollida do lixo e a do IBI que “este ano todos os veciños de Trabada pagaremos unha suba do 50%”.

Dende o Grupo Municipal do PP de Trabada amosaron hoxe a súa “fonda preocupación” tras analizar o Plan Económico Financeiro do Concello de Trabada que amosa claramente “que a xestión do PSOE está a levar ao municipio a unha situación económica moi preocupante”.

O voceiro popular, José María Fernández, explica que este Plan Económico Financeiro é de obrigada elaboración por incumprir o principio de estabilidade orzamentaria na liquidación do orzamento de 2024 por un importe de máis de 236.000€.

“A situación económica do Concello de Trabada é preocupante polo nefasta xestión do alcalde e o seu equipo de goberno”, afirmou, ao que engadiu que “moito ten que cambiar a xestión municipal” polo que convida ao equipo de goberno a “cumprir todas as medidas recomendadas polos técnicos municipais para reducir gastos e incrementar ingresos que van ter que pagar todos os veciños de Trabada”.

Algúns exemplos que “xa sufrimos todos os veciños de Trabada” son a subida da taxa da auga en cerca do 100% ou a taxa pola recollida de residuos, así como o IBI que “este ano todos os veciños pagaremos un 50% máis”. “Seguramente imos ter que pagar o dobre por calquera documento que solicitemos ao Concello e tódalas asociacións do municipio corren o serio risco de quedar sen ningún tipo de subvención municipal”, sinalou.

José María Fernández pon máis exemplos da “neglixente” xestión do alcalde socialista de Trabada. O centro de saúde segue sen estar cedido á Xunta, tendo que asumir o Concello os gastos de mantemento “simplemente porque foi incapaz de separar o consumo eléctrico do centro de saúde do da casa da cultura, algo que esixe a normativa”.

Outro exemplo da mala xestión do alcalde é que o Concello está pagando preto de 3.000€ ao ano polo aluguer dun local para Correos “cando se poderían aforrar cedendo un local municipal”.

Unha realidade “inexplicable” xa que o Concello de Trabada “tivo máis ingresos que nunca” nos últimos 10 anos; o Plan Único ou o ingreso do parque eólico son algúns destes exemplos de ingresos que antes non había “o que demostra que a xestión económica é nefasta e os socialistas nos están levando á ruína”.

INFORME DO CONSELLO DE CONTAS

José María Fernández recorda que xa en xaneiro “advertimos” a situación económica do Concello de Trabada tras coñecer o informe do Consello de Contas. “Naquel momento xa advertíamos de que de senón se tomaban medidas inmediatas, a xestión do Partido Socialista levaría ao Concello de Trabada á ruína e semella que o alcalde está empeñado en acadar esa meta”, sinalou.

O voceiro popular afirma que o alcalde de Trabada está a “facer un Concello máis endebedado e sen futuro” no que os servizos serán cada máis caros para a veciñanza. “O futuro que queda con este equipo de goberno é moi negro, polo que Trabada non pode agardar máis, necesita dun cambio xa que do contrario cada vez haberá mais nubes negras sobre Trabada”, sentenciou.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios