PP de Samos: «O bipartito sube 200 Euros aos usuarios da residencia e non paga horas extras ás traballadoras»

O voceiro do Partido Popular de Samos, Miguel Gallego, tilda de “auténtico desastre” a xestión do goberno bipartito de BNG e PSOE que “nestes dous anos subiu impostos coma o lixo ou a taxa pola praza da residencia municipal, un 50% a das piscinas e un 80% o SAF de libre concorrencia; e, ademais, non prevé inversións e contempla 25 irrisorios euros para obras e mantemento de estradas”.

O popular explica que “mentres o bipartito de BNG e PSOE aprobou unha suba de 200 euros ao mes a cada usuarios da residencia, non contempla recoñecer ás traballadoras polo seu labor”. É por iso que “o Grupo Municipal Popular defendeu unha iniciativa no último pleno para o goberno local lles retribuíra as noites, festivos, fins de semana e horas extras ás traballadoras do centro de maiores”.

Os populares recoñecen o seu “labor comprometido prestando atención e coidados de forma continua” nuns horarios “que dificultan a conciliación da súa vida laboral e familiar” polo que cren “xusto” que “o seu esforzo se vexa correspondido atendendo á normativo vixente coma o Estatuto dos Traballadores ou os convenios aplicables ao sector sociosanitario”.

“Pero os nacionalistas e socialistas que, curiosamente, se erixen como defensores dos dereitos dos traballadores, negáronse. Incluso piden que o asuma a Xunta cando se trata dunha residencia de titularidade municipal”, subliña Gallego.

Miguel Gallego defende que “non se pode estar enganando constantemente aos veciños e veciñas tratando de botar as culpas a outras administracións cando a xestión do bipartito local deixa moito que desexar”.

NINGÚN INVESTIMENTO NIN PREVISIÓN PARA MANTER ESTRADAS

O portavoz popular tamén lembra que “recentemente aprobaron un orzamento para este ano 2025 de 1,3M€, pero non reservan nada para investimentos e só uns 25 euros para obras e mantemento de estradas”. Así, afea que “o goberno local quixera esconder estes datos tan reveladores”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios