O PPdeG celebra a sentenza europea sobre a tramitación eólica e fala dun «novo horizonte» en Galicia

O PPdeG celebrou o recente aval da xustiza europea á tramitación de proxectos eólicos por parte da Xunta de Galicia, afirmando que a sentenza «abre un novo horizonte de proxectos industriais» para a comunidade. Segundo o partido, este fallo fai posible un futuro de enerxías limpas, industria e emprego en Galicia.

Durante unha visita a un parque eólico en Lalín, a secretaria xeral, Paula Prado, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, acompañados do alcalde de Lalín e senador, José Crespo, valoraron a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE). Prado subliñou que «é de xustiza que este fora o resultado a tanto tempo de bloqueo por culpa dos do ‘non’ sistemático, dos da crítica sen proposta». Ademais, pediu respecto polas sentenzas xudiciais e esixiu unha desculpa pública para os afectados polo parón.

Restablecer a normalidade e avanzar no futuro

Pola súa banda, a conselleira Ángeles Vázquez avogou por «restituír a normalidade» canto antes e comprometeu o traballo rigoroso do Goberno galego para «deixar atrás o parón e volver coller o ritmo do futuro».

Vázquez puxo o exemplo de Lalín, onde tres parques eólicos estaban paralizados, e destacou que a sentenza do TXUE deixa «totalmente claro o rigor dos técnicos municipais e da asesoría xurídica xeral». A conselleira solicitou a máxima celeridade nas sentenzas xudiciais pendentes e insistiu en que «despois da claridade que aporta a sentenza europea, xa non quedan desculpas».

Un antes e un despois para os concellos

O alcalde e senador de Lalín, José Crespo, amosouse convencido de que o aval xudicial «vai marcar un antes e un despois». Crespo defendeu que os concellos de interior deben aproveitar os recursos dispoñibles para ter vida e criticou a aqueles colectivos e partidos que «só traballan pola Galicia do ‘non'». «Aí está a quen lle dá a razón a Xustiza e a quen non», sentenciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios