A concelleira Noelia Martínez Canosa, abandona Alternativa dos Veciños de Arteixo por “falta de transparencia e problemas xudiciais no Partido de Ángel Seoane”

A concelleira de Arteixo Noelia Martínez Canosa anunciou hoxe a súa saída do Grupo Municipal de Alternativa dos Veciños, pasando a ser concelleira non adscrita. A decisión, que se adoptou por unanimidade na asemblea da agrupación de Arteixo, chega despois de que Martínez Canosa denunciase un «deterioro» e unha «descomposición» no seo do partido.

Nunha contundente nota de prensa, a concelleira explicou que a súa decisión débese a que a dirección da formación «traizoou os valores e os principios» recollidos nos seus estatutos. Segundo ela, o partido amparou políticas e actuacións que «atentan contra a administración pública e que vulneran a legalidade» noutros municipios.

Graves acusacións de falta de transparencia e problemas xudiciais

Martínez Canosa non escatimou en críticas contra a dirección de Alternativa dos Veciños e o seu presidente, Ángel García Seoane. Sinala que o partido ten varios procedementos xudiciais abertos que afectan a cargos e representantes, e que apuntan a «claras prevaricacións e malversacións de fondos públicos«. A concelleira acusa a García Seoane de ter coñecemento destes feitos e, a pesar de denuncialos no pasado, agora «decidiu pasar a mostrar apoio a aqueles que atentan contra as administracións públicas».

Ademais, a edil de Arteixo critica a falta de democracia interna no partido. Sostén que a dirección se nega a convocar os órganos de goberno, impedindo a participación dos representantes. «Fomos enganados pola dirección de Alternativa dos Veciños, principalmente por Gelo. Véndense como algo que non son. É máis, resultan ser totalmente o contrario do que din ser», afirma.

A concelleira subliña que non quere verse «salpicada polas falcatruadas que levan a cabo algúns» e que a súa política é «100% legal, honrada e transparente».

Compromiso con Arteixo como concelleira non adscrita

A pesar de abandonar o seu partido, Noelia Martínez Canosa asegura que o seu compromiso con Arteixo e os seus veciños «segue intacto». Como concelleira non adscrita, seguirá traballando para «mellorar a calidade de vida, os servizos públicos e o benestar» da veciñanza, e por unha administración «máis transparente, máis áxil e comprometida». A decisión, segundo ela e a agrupación de Arteixo, é a «mellor das decisións» para defender os intereses do municipio por riba dos do partido.

Comparte éste artículo
No hay comentarios