Tomé asina “saltar a lei” ao levantar os reparos de legalidade de Intervención para adiantar cartos á nova Fundación do alcalde de Pol

O presidente da Deputación, José Tomé, “levanta os reparos de legalidade de Intervención saltándose a lei” para adiantar á Fundación Terras de Pol que preside o propio alcalde socialista Lino Rodríguez ata o 80% da achega da Deputación que recolle o convenio aprobado fai un par de meses e que xa ten que ser modificado pola “insostible crise económica do Concello de Pol”.

O portavoz popular, Antonio Ameijide, lembra que “o goberno provincial PSOE e BNG regalan ao alcalde de Pol diñeiro público de tódolos lucenses para ocorrencias, non para necesidades reais, sen ningún tipo de garantía máis que a súa coñecida mala xestión económica do Concello”.

Ameijide explica que “PSOE e BNG recoñecen que a Fundación que dirixe o propio alcalde se atopa nunha situación crítica e que non ten capacidade para asumir os gastos de execución do obxecto do convenio coa Deputación de Lugo: a posta en marcha dun supermercado”.

O portavoz provincial apunta que se trata “dunha nova evidencia da falta de liquidez do Concello debido á mala xestión do alcalde de Pol” que, a pesar diso, “conta coa complicidade do goberno provincial de PSOE e BNG, que apoian tódolos seus caprichos, a pesar de acumular facturas sen pagar e unha débeda que supera os 3,5M€”. De feito, xa o teñen “rescatado” para que poda pagar os gastos correntes en bens e servizos, o combustible, os seguros dos vehículos municipais…

O popular advirte que “a realidade é que o goberno de PSOE e BNG na Deputación apoia que o alcalde de Pol merque edificios en ruína que están a piques de caer, poña calefacción nas gradas do campo de fútbol ou merque un autobús para o que nin dispón de condutor”. Nese sentido, sinala que “o goberno provincial debería saber dicir que non ás ocorrencias do alcalde de Pol”.

COOPERACIÓN COS CONCELLOS

Ameijide subliña que “unha das competencias da Deputación é a de cooperar cos Concellos, polo que non criticamos que colabore co Concello de Pol. O que si consideramos reprobable é que o goberno provincial apoie que o Concello de Pol compre edificios para deixalos caer ou poñer calefacción nas gradas do campo de fútbol en lugar de que atenda as competencias fundamentais e que non coopere con tódolos concellos da provincia de forma igualitaria”. De feito, “fai todo o contrario: dirixe cartos a través de convenios a dedo aos concellos da súa cor política. E, máis concretamente, aos Concellos onde as agrupacións locais do PSOE apoiaron de forma maioritaria a Tomé no último congreso do PSOE lucense, como foi o caso de Pol”.

“Máis recentemente tamén vimos como o goberno de PSOE e BNG na Deputación aprobou dirixir fondos de tódolos lucenses para contentar aos deputados que se ausentaran do pleno de xuño. Lonxe de manifestar o seu desacordo coa desigualdade que practica Tomé entre tódolos veciños da provincia, o que buscaban era defender os seus intereses persoais: aumentos de soldo e convenios cos Concellos onde gobernan”, engade o portavoz provincial.

DÉBEDA PREOCUPANTE DO CONCELLO

Pola súa banda, a voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, recorda que “o Concello de Pol ten unha débeda extremadamente preocupante”, pero o alcalde “en lugar de aplicar medidas urxentes para conter o gasto e poder aos provedores aos que lles debe ao mesmo tempo que ofrece servizos básicos aos veciños coma o arranxo das pistas para que poidan desenvolver as súas actividades; continúa aumentando os problemas económicos, neste caso, coa Fundación municipal que el mesmo preside”.

“Ante a evidencia de que non é capaz de xestionar unha entidade”, Grueira pregúntase “como vai ser capaz de xestionar dúas” á vista de que xa ten que pedir á Deputación para poder comezar coa actividade do supermercado.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios