A adega afronta a recollida tras un verán cálido e seco que acelerou a maduración do albariño. O ciclo chega ao seu fin cun excelente estado sanitario e un gran equilibrio entre grao e acidez.
Hoxe, no corazón do Val do Salnés, Bodegas Martín Códax dá comezo á vendima 2025, o momento máis esperado do ano para as máis de 500 familias que forman parte do proxecto colaborativo. Tras meses de traballo no viñedo e días previos de posta a punto coa recollida de uva seleccionada para a elaboración do seu espumoso, os primeiros acios de uva albariño chegan á adega nun estado sanitario excelente.
O ciclo vexetativo desenvolveuse de maneira uniforme, cunha floración óptima e sen incidencias significativas. As últimas semanas, caracterizadas por máis de dous meses sen chuvias e temperaturas que superaron en varias xornadas os 30 °C, aceleraron o proceso de maduración, situando o inicio da recollida en datas moi similares ás de 2023.
“Este ano as condicións climáticas supuxeron un reto, pero tamén unha oportunidade para demostrar o compromiso e o coidado dos nosos viticultores. A uva entra na adega nun estado excepcional, cun equilibrio moi interesante entre grao e acidez que anticipa unha gran colleita”, explica Miguel Tubío, director técnico de Bodegas Martín Códax.
A vendima desenvolverase de maneira progresiva e prevese completala na primeira quincena de setembro. Cada acio será trasladado de inmediato ás instalacións de Cambados, onde comezará un proceso de vinificación preciso e respectuoso coa variedade para preservar toda a expresión aromática do albariño.
Nun contexto marcado polo cambio climático, Bodegas Martín Códax reforza o seu compromiso coa sustentabilidade, implementando prácticas que coidan o equilibrio natural da contorna e garanten o futuro do viñedo. Catro décadas despois da súa fundación, a adega continúa a elaborar viños que expresan de forma auténtica o carácter atlántico do Val do Salnés, cunha presenza consolidada en máis de 60 países.