Carral: Concentración de apoio ao alcalde Javier Gestal contra a moción de censura

Un grupo de veciños e veciñas convoca unha concentración de apoio ao alcalde lexítimo de Carral, Javier Gestal, para este vindeiro martes, 2 de setembro, ás 20:00 horas no Campo da Feira.

En contra da vontade popular, expresada libremente nas últimas eleccións municipais por unha inmensa maioría, os tránsfugas Francisco Bello e Mercedes Caridad vanlle entregar a alcaldía de Carral ao Partido Popular e a José Luis Fernández Mouriño mediante unha moción de censura.

Polo momento, aínda se descoñece cal é a contraprestación que recibirán os dous tránsfugas para votar a favor desta moción de censura. Estes dous individuos, supostamente de esquerdas, detestaban publicamente e en privado a figura de Mouriño, con todo tipo de descualificacións no plano persoal e político. O tempo acabará revelando o que hai detrás desta operación contra a vontade popular e a democracia.

Desde Alternativa dos Veciños fan un chamamento a secundar esta concentración para mostrar o apoio ao alcalde elixido pola cidadanía.

Comparte éste artículo
No hay comentarios