Onte, presentouse no Museo de Arte Contemporánea de Corme un proxecto de rexeneración dos montes afectados polos incendios de agosto en Corme e Ponteceso. O obxectivo é triplo: recuperar o terreo, homenaxear a quen participou na extinción e, sobre todo, concienciar sobre a necesidade de coidar os nosos montes.
Organizado polo diario Quepasanacosta, o proxecto arranca cun torneo solidario que aproveita o poder de convocatoria do Fútbol da Costa, e conta coa colaboración de numerosas entidades e persoas da zona.
Colaboradores e obxectivos
O proxecto reúne a clubs de fútbol (Corme CF, Ponteceso SD), asociacións culturais e veciñais (Asoc. Insua de Viastela, Fundación Juana de Vega, Asoc. Monte Branco, Fundación Eduardo Pondal, ANPAS, etc.), e mesmo a profesionais implicados na loita contra o lume.
Os obxectivos principais son:
- Recadación de fondos para un proxecto de rexeneración dos montes afectados.
- Homenaxe aos brigadistas, axentes forestais e tractoristas que arriscaron a súa vida.
- Fomento da implicación social na recuperación da contorna.
- Apoio ás administracións locais e entidades encargadas da recuperación.
- Concienciación sobre a prevención e o coidado dos montes.
Desenvolvemento do proxecto
O evento central será un torneo de fútbol triangular entre o Corme CF, o Ponteceso SD e un combinado de brigadistas. A recadación farase a través da venda de rifas para sorteos e de camisetas da campaña.
A cita será este domingo, 7 de setembro, ás 17:00h no campo do Cairo, en Corme.
Esta xornada servirá tamén para homenaxear aos brigadistas e tractoristas, co recoñecemento explícito do Concello de Ponteceso.
Os fondos recadados permitirán iniciar a reforestación, que será deseñada por especialistas da Fundación Juana de Vega. O proxecto busca organizar xornadas de plantacións colaborativas, implicando ás familias e ANPAS da comarca para fomentar a importancia dos bosques autóctonos.
Voces da presentación
Durante a presentación, o diario Quepasanacosta cedeu a palabra aos participantes, que destacaron a importancia da colaboración e a prevención:
- Suso Lista (Asoc. Insua de Viastela) subliñou a forza de «ver tantas entidades xuntas sumando en común» e avogou por concienciar para evitar a plantación de eucaliptos preto das casas.
- Xosé María Varela (Fundación Eduardo Pondal) destacou a importancia de «reverdecer, de devolver a cor aos negros montes» e quixo impulsar a parte educativa do proxecto, con charlas formativas nas escolas. Tamén lembrou a Naturgy, por incumprir as leis de prevención e causar o primeiro incendio.
- Manuel Regueira (Ponteceso Cultura Permanente) afondou na importancia da educación e a prevención.
- Rubén Forján e Pablo Alvariño (Brigada helitransportada de Lomba), emocionados, narraron a dureza dos lumes. Forján subliñou a «enorme» colaboración da xente, en especial dos tractoristas, que lles abriron paso entre o fume. Tamén destacou o vínculo co Fútbol da Costa, un lazo que facilitou a organización desta iniciativa.
- Juan Vidal (tenente de alcalde de Ponteceso) fixo fincapé na seguridade e na indefensión sentida durante o lume.