O Bloque Nacionalista Galego (BNG) criticou o baixo investimento da Xunta de Galicia nos puntos de atención á infancia (PAI) de Rodeiro e Agolada. A deputada nacionalista Ariadna Fernández considera «moi negativas» as cifras achegadas polo Goberno galego, que, segundo ela, deixan a concellos pequenos nunha situación economicamente insostible.
Segundo a resposta parlamentaria obtida, a Xunta achegou menos de 20.000 euros anuais a Agolada e pouco máis de 20.000 euros a Rodeiro, concellos con menos de 3.000 habitantes. Esta situación, afirma Fernández, supón unha gran limitación na capacidade de actuación dos municipios, que deben asumir o custo de servizos esenciais de conciliación.
Agravio comparativo entre o rural e as cidades
A deputada lamenta o «agravio comparativo» entre as familias que viven no rural e as que residen nas cidades. Mentres que a Xunta financia as escolas infantís privadas e as «Galiñas Azuis» nos grandes núcleos de poboación, os concellos pequenos deben soster os PAI practicamente sen axuda.
Segundo Fernández, o Goberno galego inviste máis de 300 euros por praza en escolas privadas, pero non chega aos 100 euros por neno nos PAI de Rodeiro e Agolada. «Vese claramente que o rural non é a súa prioridade», denuncia a nacionalista, quen subliña a contradición de que a Xunta presuma de garantir a gratuidade dos servizos 0-3 anos, cando o fai a costa das arcas municipais.
A deputada do BNG insiste en que continuará co debate no Parlamento galego para mellorar o financiamento e asegurar que os concellos pequenos teñan os recursos necesarios para manter os servizos de conciliación, clave para loitar contra o despoboamento do interior.