CCOO, CIG e UGT manteñen as mobilizacións para lograr un convenio digno na hostalaría da Coruña

 Logo da resposta masiva acadada na concentración realizada diante do Burguer Fest da Coruña, as organizacións sindicais CCOO, CIG e UGT anuncian a continuidade do calendario de mobilizacións para esixir un convenio digno na hostalaría da provincia de A Coruña.

As seguintes accións están xa confirmadas:

●     4 e 5 de setembro – Recollida de sinaturas no Obelisco da Coruña, de 10:00 a 13:00 horas.

●     11 de setembro – Recollida de sinaturas na Praza do Toural, Santiago de Compostela, de 10:00 a 13:00 horas.

●     12 de setembro – Recollida de sinaturas na Praza Roxa, Santiago de Compostela, de 10:00 a 13:00 horas.

●     26 de setembro – Concentración na Praza do Toural, Santiago de Compostela, de 11:00 a 12:00 horas, coa entrega de panfletos á cidadanía.

Un sector con beneficios á alza e plantillas precarizadas

Os datos publicados recentemente amosan que a hostalaría da provincia da Coruña vive un verán de récords de ocupación e actividade:

●     No mes de xullo acadouse un 88 % de ocupación hoteleira, tres puntos máis que no ano anterior.

●     As terrazas e establecementos do centro rexistraron unha elevada afluencia, especialmente durante as festas, cun volume de negocio significativo.

●     A patronal recoñeceu que as cifras de 2025 igualan ou superan ás de 2023, a pesar dalgunhas incidencias climatolóxicas e loxísticas.

Este incremento de facturación e beneficios contrasta coa realidade das persoas traballadoras: salarios que apenas superan o SMI, xornadas abusivas, falta de descansos e ameazas de recortar dereitos como o complemento por Incapacidade Temporal.

Dende os sindicatos insisten en que non se pode pretender atraer nin reter persoal cualificado nun sector que cronifica a precariedade e converte a saúde laboral en moeda de cambio. As altas taxas de baixas por lesións musculoesqueléticas, estrés e fatiga crónica confirman que as condicións actuais son insostibles.

Mobilización social

Neste contexto, CCOO, CIG e UGT convocan á cidadanía e ao conxunto das traballadoras e traballadores a participar activamente nas recollidas de sinaturas e na concentración do 26 de setembro en Santiago de Compostela, baixo o lema “Por un convenio digno na hostalaría”.

As organizacións sindicais lembran que o éxito económico da hostalaría coruñesa non pode sosterse sobre a precariedade laboral. Se o sector medra en facturación e beneficios, é xusto e necesario que ese crecemento se traduza en melloras reais para as persoas que fan posible o seu funcionamento diario.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios