Rubén Arroxo anuncia a volta do bus urbano ao centro a partir do luns 15 de setembro e será gratuíto o 22, día Europeo sen Coches

As liñas 7, 8, 9 e 12 volverán entrar a través da rúa Montevideo, parando no cruce con Quiroga Ballesteros.

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou a volta do bus urbano ao seu percorrido habitual polo interior da muralla, despois do remate das obras de peonalización. Segundo explicou o Tenente Alcalde, os buses das liñas 7, 8, 9 e 12 volverán ao seu percorrido habitual subindo pola rúa Montevideo, e parando no cruce de Montevideo con Quiroga Ballesteros a partir do vindeiro luns 15 de setembro. 

Arroxo afirmou que «recuperamos o percorrido habitual de todas as liñas de bus e seguimos traballando para que o transporte público de Lugo sexa un servizo de calidade polo que cada vez apostan máis veciñas e veciños». Os datos de usuarios no mes de agosto, demostran, de novo «que foi o mellor agosto desde que temos rexistros», segundo dixo Arroxo, «con 159.365 billetes expedidos, deixando a agosto de 2024 como o segundo mellor mes con 153.238, e cunha importante mellora con respecto ao mellor agosto de antes da pandemia, 2019, que rexistrou 147.327 billetes expedidos».

«O bus urbano segue demostrando que é a mellor maneira de moverse por Lugo», afirmou Arroxo. «Temos unha rede de liñas que conecta a preto do 90% da poboación e tarifas moi accesibles. Iso está a facer que cada vez máis xente escolla o transporte público no seu día a día.»

Desde a área de Mobilidade continúa o traballo para fomentar o uso do bus urbano como un medio económico, sustentable e cómodo, que evita problemas como o aparcamento e reduce a pegada de carbono na cidade.

O billete ordinario custa 0,64€, con desconto a 0,45€ usando a Tarxeta Cidadá, e só 0,31€ para colectivos bonificados (persoas con mobilidade reducida, pensionistas, estudantes ou persoas desempregadas). Ademais, os transbordos son gratuítos para quen emprega a Tarxeta Cidadá.

O bus urbano será gratuíto durante o Día Europeo sen Coches

Rubén Arroxo, anunciou que, como vén sendo habitual nos últimos anos, o bus urbano será gratuíto durante o 22 de setembro, debido á celebración do Día Europeo sen Coches. Rubén Arroxo animou ás veciñas e veciños de Lugo a «animarse a deixar o coche na casa e usar o transporte urbano».

«Deixando o coche na casa e apostando polo transporte público, a bicicleta ou facendo os  desprazamentos a pé colaboramos para facer de Lugo unha cidade máis limpa e ecolóxica», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «desde a área de Mobilidade aproveitamos esta data o ano pasado para peonalizar temporalmente a Mosqueira e descubrir a importancia da humanización do noso monumento e do uso que no futuro se lle dará a esta praza, cuxa obra xa está en proceso de contratación». «Este ano, aproveitaremos o Día Europeo sen Coches para presentar proxectos importantes para a mobilidade en Lugo», explicou Rubén Arroxo.

Día Europeo sen Coches

A celebración do Día sen Coches remóntase ao ano 1994, coas cidades de Reikiavik en Islandia, La Rochelle en Francia e Bath no Reino Unido exercendo como pioneiras desta iniciativa. No ano 1997, Gran Bretaña celebrou a nivel estatal o Día Sen Coches, sendo o primeiro estado en impulsar a celebración desta data. A Comisión Europea declarou no ano 2000 o Día Europeo sen Coches, como data de remate da Semana Europea da Mobilidade, que ten como obxectivo concienciar á poboación do uso do transporte público e dos medios de transporte alternativos, reducindo a dependencia do vehículo privado.

Comparte éste artículo
No hay comentarios