Dozón, entre a promesa e a realidade: o BNG acusa ao goberno local de non reservar prazas para os veciños na nova residencia

O BNG de Dozón denuncia que o goberno local incumpre a promesa de reservar prazas para os veciños na futura residencia e centro de día, contradicindo os acordos da Xunta de Galicia e o Consorcio Galego do Benestar. O investimento de 1,5 millóns de euros, procedente dos fondos Next Generation, non asegurará que a veciñanza da localidade e da comarca sexa a beneficiaria directa do servizo, como se lles prometera.

A polémica xorde tras a adxudicación da xestión da residencia a unha empresa privada, COVIASTEC S.L., por un período de 40 anos. O BNG, que xa amosara a súa disconformidade no pleno de xullo, sinala que as bases do concurso foron modificadas «ao antollo da empresa», algo que agora se confirma coas declaracións do propio alcalde, Adolfo Campos.

Segundo o BNG, Campos recoñeceu nunha sesión plenaria que «a reserva de prazas non é posible», o que significa que os veciños de Dozón terán que competir en igualdade de condicións con calquera outro usuario de Galicia, sen ningún tipo de preferencia. Esta situación choca frontalmente co acordo marco asinado pola Xunta e a FEGAMP en 2022, no que se establecía que os centros financiados con fondos europeos deberían «garantir que as persoas usuarias destes centros sexan do entorno municipal ou comarcal».

Mario Vila, responsable local do BNG en Dozón, lamenta que a privatización deste servizo, modelo promovido pola Xunta, leve a incumprir os acordos e afaste aos maiores das súas familias. «Continuaremos movendo polo país a persoas que perden todo contacto co seu lugar de residencia, mentres os seus familiares seguen percorrendo quilómetros para visitalos», afirma Vila.

Pola súa banda, a deputada nacionalista Ariadna Fernández, quen xa solicitou explicacións á Xunta, cualifica o suceso como «resultado da incompetencia, da incapacidade de xestión e do engano» tanto por parte do goberno galego como do alcalde de Dozón, a quen acusa de «venderlles aos veciños a falsa idea de que a residencia satisfaría as súas necesidades, mentindo claramente hai uns días». Fernández asegura que o BNG seguirá loitando para que os veciños teñan o dereito de ser atendidos preto do seu fogar.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios