Un recurso ante a Valedora do Pobo alerta de que a residencia de Dozón non ten prazas reservadas para os veciños

O conflito pola xestión e os criterios de acceso á nova Residencia e Centro de Día de Dozón suma un novo capítulo institucional. Tras as explicacións remitidas á Valedora do Pobo polo alcalde de Dozón, Adolfo Campos Vázquez, o veciño promotor da queixa, Mario Vila López, interpuxo un recurso de alegacións para solicitar formalmente a reapertura do expediente G.6.Q/2465/26.

O escrito de alegacións rebate a postura municipal e pon o foco na falta de garantías reais para a poboación local. Segundo adverte o recurso, a «vinculación co municipio» prevista no regulamento funciona como un mero criterio de baremación, pero non establece ningunha reserva obrigatoria de prazas no Prego de Cláusulas Administrativas que rxe a concesión á empresa privada.

Así mesmo, o denunciante sinala que o Concello non acreditou a existencia de ningún convenio social nin duna Ordenanza Fiscal de Prezos Públicos Bonificados. Isto provoca que un equipamento construído en solo público municipal e financiado con fondos europeos NextGenerationEU (PRTR) poida resultar inasumíbel para os veciños con pensións agrarias mínimas.

Peticións á Valedora do Pobo

Fronte á xustificación do Concello de ter cumprido a tramitación burocrática cos anuncios no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) e no BOP a finais de decembro de 2024, as alegacións denuncian a falta de transparencia proactiva nun concello de menos de 1.000 habitantes e defenden o dereito cívico a velar polo patrimonio público.

No recurso dirixido á Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, solicítase a emisión duna Recomendación formal ao Concello de Dozón para que:

  • Asine un convenio anexo social que garanta unha reserva efectiva e cuantitativa de prazas para residentes empadroados.
  • Estableza unha Ordenanza Reguladora de Prezos Públicos Bonificados para protexer aos veciños con menores recursos.
  • Mellore os mecanismos de información e difusión pública no municipio.

Fotografía arquivo finais de abril

Comparte éste artículo
No hay comentarios