O PP de Lugo acusa a PSOE e BNG de “mentir” no orzamento ao desviar fondos de persoal para outros gastos

O Grupo Municipal do Partido Popular denuncia que o goberno local de Lugo, formado por PSOE e BNG, volveu desviar fondos orzamentarios destinados a persoal para cubrir gastos non previstos. A última transferencia de crédito, de 15.000€, serviu para financiar a firma dun convenio, segundo subliñou a concelleira popular Mar Carballas.

Desde o PP, aínda que non se opoñen á iniciativa do convenio, critican duramente a xestión económica do goberno. «Non é a primeira vez que vemos como desvían fondos de persoal para outros gastos. Isto demostra que os orzamentos que anuncian non se axustan á realidade e son unha mentira», afirmou Carballas.

O Grupo Popular alerta de que esta falta de planificación ten un impacto directo nos empregados municipais, cuxos problemas -como as horas extra pendentes de pago ou a precarización de servizos- seguen sen resolverse.

«Esta decisión mostra a falta de previsión e planificación do goberno local, con repercusión directa sobre os traballadores», engade a nota de prensa, que conclúe que a práctica de desviar fondos «evidencia un desprezo polos servizos públicos que o goberno presume defender».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios