O PP acolle “con cautela” o convenio anunciado por Tomé xa que “pode ser outro exercicio de propaganda do alcalde”

Katy Varela explica que este anuncio se deba “ao crecente descontento da veciñanza tras facerse público que José Tomé quere construír unha fonte ornamental no parque dos Condes, a pesar de que en Monforte hai graves problemas de abastecemento de auga e co saneamento”.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte acollen “con cautela” o anuncio realizado por José Tomé, tras asinar un convenio coa Confederación Hidrográfica Miño Sil por importe de 7,9M€, para mellorar o saneamento da cidade.

A voceira do PP de Monforte, Katy Varela, explicou que “recibimos a noticia de forma positiva porque boa falta fai actuar no saneamento, pero ao mesmo tempo con realismo e escepticismo, porque todos os anuncios de José Tomé neste eido caeron en saco roto ao longo dos últimos anos”.


Katy Varela afirma que “oxalá desta vez non sexa así, pero moito nos tememos que estamos ante outro anuncio de propaganda, dos que nos ten acostumados, pensado para amosar ante a opinión pública que fai máis do que realmente fai”.

A voceira popular sinalou que este movemento responda, seguramente,ao crecente descontento da veciñanza tras facerse público que José Tomé pretende construír unha fonte ornamental no parque dos Condes, nun momento no que en Monforte existen graves problemas de abastecemento de auga e co saneamento. “Moito nos tememos que, igual que ocorreu coa ponte do Malecón, coa praia fluvial ou cos paseos dos regatos, non veremos este proxecto feito realidade”, afirmou.

Katy Varela lembrou tamén que Tomé anunciou “moi orgulloso”, o pasado mes de xaneiro, un investimento de 10M€ para o abastecemento, do cal “non se sabe absolutamente nada”. “De feito, cando lle preguntamos no pleno, recoñeceu que ía ser difícil executar eses cartos”, recordou.

A voceira popular considera “curioso” que na propia rolda de prensa do Concello coa CHMS xa se avance que o groso das obras se deixará para despois das vindeiras eleccións municipais. “Isto semella un novo anuncio electoralista, outra foto máis e ningunha realidade”, criticou.

Varela advertiu que resulta difícil confiar en compromisos económicos deste caladocando “no Goberno central existe unha parálise total, sen orzamentos aprobados desde o inicio da lexislatura”. “Asinar convenios de millóns de euros co Goberno central nestes intres é enganar os cidadáns”, denunciou.

Os concelleiros populares afirman que “estaremos vixiantes” para comprobar “en que quedan realmente todas as inversións millonarias que José Tomé leva anos prometendo”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios