O PP de Samos denuncia “o estado de abandono do punto limpo” por parte do goberno bipartito

A esta situación súmase o “incumprimento dunha das promesas electorais da alcaldesa do BNG”: a recollida de refugallos voluminosos a domicilio como exemplo de compromiso ambiental.

 O voceiro do Partido Popular de Samos, Miguel Gallego, denuncia “o estado de abandono” do punto limpo por parte do goberno bipartito: “está convertido nun vertedoiro improvisado no que non hai control nin limpeza. É lamentable”, subliña.

O popular advirte das queixas dos veciños e veciñas dende hai meses pola “acumulación de electrodomésticos, caixas, televisores, colchóns e todo tipo de refugallos que se deixan na entrada das instalacións sen que ninguén os xestione”. Isto xera, segundo Gallego, “unha pésima imaxe do municipio” e supón “un risco ambiental, ademais de provocar problemas de salubridade, malos cheiros e mesmo pode atraer pragas, sendo un risco para a saúde pública”.

O portavoz do PP cre que “isto parece que non lle preocupa ao goberno municipal que segue mirando cara outro lado e amosando unha deixadez total nun servizo tan esencial”.

A esta situación súmase o “incumprimento dunha das promesas electorais da alcaldesa do BNG”: a recollida de refugallos voluminosos a domicilio como exemplo de compromiso ambiental. “Pero xa vemos que o que prometía era todo mentira”, incide Gallego.

O popular lembra que “o punto limpo está na estrada que sobe a Lóuzara, unha zona moi visitada por turistas e sendeiristas. O primeiro que se atopan cando queren desfrutar da natureza da paisaxe de Samos é un vertedoiro de lixo e chatarra ao pé da estrada. Unha imaxe vergonzosa e lamentable de quen fachendea de ter todo perfecto”.

Os concelleiros do PP solicítanlle á alcaldesa “unha solución inmediata da xestión do punto limpo, para garantir que as instalacións cumpran a lei e a función de coidar o medio ambiente, porque de propaganda e mala xestión xa levamos dous anos e Samos non pode seguir pagando o abandono ao que o ten sometido este goberno”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios