O BNG denuncia que a Xunta condena a Fisterra a vivir sen pediatra

O BNG de Fisterra vén de denunciar que a Xunta de Galicia continúa ignorando as necesidades sanitarias do municipio, que segue sen servizo de pediatría. Segundo os nacionalistas, a última proba é que a praza para Fisterra volveu quedar vacante no recente concurso do Sergas para cubrir postos de difícil cobertura.

A formación nacionalista critica a «nefasta xestión» e a «ineptitude» da Xunta, que, con 16 anos de goberno, non foi quen de planificar a cobertura de prazas en concellos periféricos. A falta de pediatra en Fisterra tradúcese na saturación do centro de saúde de Cee, onde os nenos e nenas son derivados, provocando demoras en citas e revisións básicas.

A voceira municipal do BNG, Tereixa Fernández, manifestou o seu esgotamento coas promesas incumpridas do Sergas: «Estamos fartos de tantas promesas que non se cumpren. Dixeron que cubrirían a praza no verán de 2024, e máis dun ano despois seguimos sen o servizo».

Fernández tamén sinalou que o problema arrastra desde a xubilación do anterior profesional en marzo de 2024 e insiste en que a Xunta debe facer as prazas máis atractivas para os sanitarios. «Seguiremos loitando e mobilizándonos por algo que é un dereito e que tería que estar consolidado», afirmou, lembrando que xa organizaron concentracións e mocións para esixir unha solución. O BNG advirte que as mobilizacións continuarán ata que o goberno galego atenda a demanda de Fisterra.

Comparte éste artículo
No hay comentarios