Nicole Grueira sinala que “é un alivio” ver como os traballadores por fin percibiron as nóminas de agosto pero “a preocupación é moi alta” xa que “non hai garantías de que non se repita esta situación porque a situación económica do Concello de Pol é crítica”.
A voceira do Grupo Municipal Popular en Pol, Nicole Grueira, afirma que “é un alivio” ver como hoxe, 12 de setembro, por fin os traballadores percibiron as nóminas de agosto pero “tamén temos moita preocupación” porque o que demostrou o alcalde é que a situación económica do Concello de Pol “é crítica”. “Celebramos que o alcalde cumprira coa súa obriga, pero é inaceptable que non fose en tempo e en forma, xogando así co diñeiro e coa vida das familias”.
Nicole Grueira sinala que “os traballadores non poden estar pendentes dos caprichos ou da desorganización do alcalde”. “Ten que haber unha planificación orzamentaria seria, cunha reserva permanente para o pago de salarios, para que isto non volva a suceder. O que aconteceu é unha falta de respecto intolerable aos empregados municipais”, denunciou.
“O fundamental é destinar os recursos municipais ou os que chegan doutras administracións a garantir o pago das nóminas, a aqueles que realizan traballos para o Concello e para os gastos correntes e logo xa investir na mellora da situación do municipio, como son as pistas e camiños municipais”, afirmou.
Ademais, Nicole Grueira esixe ao alcalde “mecanismos para garantir que esta situación non se volva a repetir”: “Unha administración pública debe ser exemplar en todos os sentidos e non pode ser que estea todos os días en boca de todos os veciños por situacións anómalas, como non pagar as nóminas ou sancións polo uso irregular do bus municipal, entre outras”, sentenciou.
A voceira do Grupo Municipal Popular en Pol, Nicole Grueira, afirma que “é un alivio” ver como por fin os traballadores percibiron as nóminas de agosto pero “tamén temos moita preocupación” porque o que demostrou o alcalde é que a situación económica do Concello de Pol “é crítica”.