CIG Ensino: A comunidade educativa galega convoca folga para o 25 de setembro contra os recortes da Consellería

O malestar da comunidade educativa galega trasladouse esta mañá a Compostela, onde unha numerosa representación de profesorado, familias e alumnado manifestouse para demandar máis persoal docente e coidador e melloras substanciais no ensino público.

A protesta, convocada pola CIG-Ensino co apoio de Anpas e outros colectivos, obtivo un importante respaldo que, segundo a secretaria nacional da federación, Laura Arroxo, «deixa en evidencia a propaganda da Consellería». En declaracións aos medios, Arroxo volveu instar ao conselleiro a que faga públicos os datos de profesorado por etapas, ao tempo que denunciou que a Xunta «conta nas cifras globais o profesorado que si aumenta, o da FP, pero non o alumnado, mentres que en infantil e primaria a realidade é que o número de profesorado é igual ao dos últimos catro anos».

Arroxo tamén salientou a precarización do sector: «Nunca houbo tantas medias xornadas, nin itinerancias nin afíns. Nunca tantos recortes de persoal e de dereitos. Nunca tanto alumnado con diversidade sen atender». A presenza de Anpas de colexios e institutos que manteñen mobilizacións, como os de Rianxo, Noia e Ribeira, demostra a unidade da comunidade educativa.

Unha loita necesaria: folga o 25 de setembro

Ao remate da manifestación, na praza de Praterías, Arroxo incidiu na necesidade de «prepararse para unha loita que non será doada pero que é necesaria». A secretaria nacional subliñou que «non se pode esperar nin un minuto máis para dar o golpe na mesa definitivo» e apelou ao profesorado a unirse masivamente á folga convocada para o próximo 25 de setembro. «Resignarse non é unha opción, porque non podemos ir a peor», sentenciou.

O sindicato, baixo a campaña “Profesorado en loita”, detallou os seus mínimos irrenunciables, resumidos no lema RECTIFICAR, RECUPERAR, RECOÑECER:

  • Rectificar: Esixir que a Xunta poña fin á súa política de recortes, que quita profesorado dos centros, reduce o persoal de atención á diversidade e manipula as cifras para precarizar o persoal interino.
  • Recuperar: Restablecer os dereitos arrebatados, especialmente o horario lectivo de 18 horas en secundaria e 21 en primaria, para que o profesorado teña máis tempo para atender o alumnado.
  • Recoñecer: Valorar e coidar ao persoal docente e ás familias, permitindo ensinar con liberdade e reducindo a burocracia inútil.

Para rematar, Arroxo lembrou que a unión de todas as demandas e de todos os colectivos é a clave para conseguir «condicións de traballo dignas, a baixada de ratios, máis especialistas para atender a diversidade e, en definitiva, un ensino público de calidade».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios