Brillante vitoria en Copa do Ineltrón Santo Domingo Betanzos

93-87: os betanceiros vencen a Obradoiro Ames nun disputado partido.

Boa estrea do Ineltrón Santo Domingo Betanzos perante o seu público. Chegaba a segunda xornada da Copa Galicia, e con ela a primeira cita do equipo betanceiro diante da súa xente, e o nutrido público que acudiu ao José María Valeiro Iglesias “Tocayo” puido presenciar un dinámico partido no que os ataques primaron sobre as defensas. Comezou mellor o Obradoiro, que logrou levar os dous primeiros cuartos (20-23; 21-25) pero os de José Amando Soviético e Alberto Caamaño Jimbo souberon equilibrar o encontro, nunha destacada actuación do tridente Abelleira-Aarón Gómez-Dani Martín (56 puntos entre os tres) á que se soubo sumar o cadete Arón Espiñeira (9 puntos en 15 minutos na pista) e Javi González.

Vitoria coral do Ineltrón Santo Domingo, que logrou suplir a inferioridade no rebote coa rapidez do seu small-ball, e boas vibracións para a temporada que se aveciña. Próxima parada en copa, mércores 20.30h perante un dos equipos galegos que mellor se reforzou da Tercera FEB: Traumacor Culleredo.

Derrotas dos equipos júnior

Polo demais, a xornada do club betanceiro concluíu coas derrotas dos outros equipos que se estreaban na casa. Derrota das júnior de Infor-B perante Cambre por 46-57, nun encontro que se escapou nos últimos cinco minutos, e do júnior masculino fronte a Compañia de María por 70-74, nun vibrante partido no que os de Doc tiveron a mala fortuna de desbaldir dous pases decisivos nos últimos segundos. Con todo, e coma decote, non hai tempo de lamentarse: a próxima semana xa esperan Baxi Ferrol e Kempape, nunha xornada en que ambos os dous equipos de canteira deberán realizar os seus primeiros desprazamentos da temporada.

Comparte éste artículo
No hay comentarios