López Campos salienta a capacidade da Ruta Xacobea para “unir culturas e difundir o noso patrimonio”

O representante de Cultura destacou “a importancia da peregrinación na difusión internacional da nosa cultura e do noso patrimonio”.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe a “capacidade do camiño de Santiago para unir culturas e difundir o noso patrimonio e a nosa identidade”. Fíxoo no primeiro encontro entre a American Pilgrims on the Camino e a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago que deu comezo esta mañá en Santiago de Compostela.

“A historia de Galicia non pode entenderse sen a influencia chegada de todas partes do mundo a través do Camiño de Santiago”, sinalou o responsable de Cultura da Xunta de Galicia antes de poñer en valor o papel realizado por todas as entidades implicadas na Ruta Xacobea.

Neste senso, gabou a tarefa de “defensa e divulgación” feita por asociacións como a American Pilgrims on the Camino ou as integradas na Federación Española de Asociacións do Camiño de Santiago. “Grazas ao voso traballo os itinerarios de peregrinación son hoxe máis universais, abertos e dialogantes”, puntualizou.

Por outra lado, López Campos aproveitou as xornadas para remarcar o “firme compromiso” do Executivo autonómico co legado patrimonial,  “garantido a protección para que non se perda a nosa historia en ningún lugar do territorio”. Neste obxectivo, tal e como explicou, unha das principais liñas de traballo é a salvagarda de monumentos, grandes templos e igrexas vencelladas ao Camiño de Santiago.

Comparte éste artículo
No hay comentarios