O Partido Popular de Vilalba critica duramente a xestión do goberno bipartito e esixe «axilidade» na apertura do Punto de Atención á Infancia (PAI). Os populares denuncian que, a pesar de coñecer a gran demanda de prazas de atención para nenos e nenas de 0 a 3 anos, o goberno local non foi quen de poñer o servizo en funcionamento a tempo para o inicio do curso, obrigando a moitas familias a buscar alternativas noutros concellos.
Os concelleiros do PP subliñan a «total falta de previsión» do goberno municipal, xa que mesmo despois de que a licitación do servizo quedase deserta, «non buscaron unha solución» desde xuño. Ademais, lembran que a Xunta «colaborou dende o primeiro momento» cunha achega de 129.000 euros, o que supón máis do 90% do proxecto, e mesmo achega financiamento para que o servizo sexa gratuíto para as familias.
O PP vilalbés dá un «suspenso» ao bipartito en materia de conciliación. Non só levan «anos para chegar a ofrecer as prazas necesarias» para menores de 3 anos, senón que tamén «deixaron fóra» a varias familias do servizo de madrugadores para este curso 2025-2026. Para os populares, o compromiso do goberno local coa conciliación é só «propaganda», e consideran que á hora da verdade non dan solucións ás familias.