O PP de Lugo pon en valor “a resposta inmediata da Xunta” para a recuperación tras os incendios con apoios para os distintos sectores

Os representantes do PP de Lugo, Francisco Conde e Antonio Amejide, así como a presidenta do PP de Quiroga, Rosa Arza, o portavoz municipal, Adrián González, e concelleiros visitaron en Cereixido as colmeas dun produtor de Quiroga afectadas polos lumes.

O PP de Lugo pon en valor o compromiso da Xunta de Galicia cos afectados polos incendios forestais e a súa resposta “rápida, extraordinaria e eficaz” habilitando un paquete de medidas e axilizando a chegada de subvencións en apoio a distintos sectores para “promover a recuperación o antes posible”.

Os populares continúan sobre o terreo escoitando aos afectados. Entre as visitas programadas, o deputado nacional, Francisco Conde; o voceiro popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide; a presidenta local do PP de Quiroga, Rosa Arza; o portavoz municipal, Adrián González; e concelleiros populares no municipio visitaron en Cereixido (Quiroga) a explotación apícola de Manuel Macía, produtor de Miel Rural, que perdeu 40 das 67 colmeas ubicadas nese entorno. 

Conde asegura que “é o momento da recuperación e por iso valoramos especialmente a iniciativa da Xunta de Galicia para dar resposta inmediata aos afectados” con axudas a reconstrución e compra de vivendas ou a cobertura do 100% dos custes ocasionados polos incendios en explotacións agrogandeiras e forestais, así coma empresas e pequeno comercio.

APOIO AO SECTOR APÍCOLA

Os populares recordaron que, entre os apoios que puxo a disposición o Goberno de Alfonso Rueda, atópanse axudas directas aos apicultores por perdas en colmeas e para adquirir alimentación complementaria para as abellas superviventes, co obxectivo de apoiar a recuperación da súa actividade e da súa competitividade. 

A Xunta tamén pon a disposición, de forma gratuíta, parcelas do Banco de Terras de Galicia para que os apicultores poidan recolocar as súas colmeas e manter así a continuidade das súas explotacións. 

A Consellería do Medio Rural facilitará o acceso temporal a estas fincas aos titulares de explotacións apícolas que sufriron danos polas lapas, co obxectivo de que poidan reinstalar as súas colmeas en zonas seguras e con recursos naturais suficientes para garantir a alimentación das abellas. 

Os interesados deberán dirixirse á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) para presentar a súa solicitude, onde cada caso será analizado individualmente, tendo en conta os danos sufridos e a viabilidade de recolocar as colmeas en terreos alternativos.

AXILIDADE PARA A RECUPERACIÓN

Os populares subliñaron “o compromiso do Goberno galego de axilizar o máximo posible a tramitación de axudas para que os afectados polos incendios poidan recuperar, na medida do posible e no menor tempo posible, a súa normalidade”.

“A realidade é que pouco despois de que se abrise o prazo de solicitude de axudas, a Xunta de Galicia xa está a pagar anticipos do 100% as primeiras dúas axudas para reconstruír casas, unha resposta extraordinaria como comprometeu o presidente Alfonso Rueda”, incidiron.

Para a solicitude e posterior tramitación das axudas, dende a Xunta de Galicia optouse pola simplificación burocrática e pola posta a disposición dos interesados de 16 oficinas de atención cidadá, unha delas no municipio de Quiroga.

Comparte éste artículo
No hay comentarios