Ana Miranda traslada en Lugo o seu apoio a Rubén Arroxo e ao grupo municipal do BNG

 O BNG de Lugo recibiu esta mañá a visita da eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda, que se desprazou á cidade para trasladar persoalmente o seu máximo apoio ao grupo municipal do BNG no Concello ante a nova situación política derivada da recente moción de censura.

A representante nacionalista foi recibida polo portavoz municipal do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polos concelleiros e concelleiras da formación. Durante a súa visita, Miranda quixo amosar o respaldo do BNG a nivel europeo ao traballo desenvolvido polo grupo municipal en defensa dos intereses da veciñanza.

Ana Miranda cualificou a moción de censura como “ilexítima e antidemocrática”, sinalando que “non responde á vontade expresada pola cidadanía nas urnas”. Neste sentido, destacou que “o BNG seguirá a traballar con responsabilidade e firmeza para defender Lugo fronte a calquera intento de alterar a vontade popular”.

Pola súa parte, Rubén Arroxo agradeceu a visita e o apoio da eurodeputada, destacando que “este respaldo reforza o compromiso do BNG de Lugo coa defensa dunha cidade máis xusta, transparente e centrada nas necesidades reais da xente”.

Durante a súa estancia na cidade, Ana Miranda tamén visitou o IES Lucus Augusti, onde mantivo un encontro co alumnado para explicar o seu traballo no Parlamento Europeo e achegar a actividade das institucións europeas á mocidade lucense.

Comparte éste artículo
No hay comentarios