Parte da veciñanza da parroquia de Santa Cruz de Vedra denuncia que os comportamentos incívicos —como deixar escombros ou mobles fóra de lugar— deben ser evitados e penalizados. Non obstante, aseguran que o servizo municipal de recollida de voluminosos funciona de maneira caótica: tras solicitar a retirada correctamente, tanto por teléfono como por escrito, algúns obxectos botan semanas sen ser recollidos.
Tamén lembran ademais que non é a primeira vez que se senten abandonados polo Concello. Durante a pandemia, unha avaría deixou incomunicada a unha parte da parroquia durante dúas semanas, afectando de maneira especial ás persoas maiores, precisamente nun momento de emerxencia sanitaria sen parangón. Nese episodio —denuncian— o goberno local púxose de perfil e deixou aos veciños sen apoio, o que alimenta a sospeita de que para o alcalde de Vedra existen “veciños de primeira e de segunda división”.
Agora reclaman unha mellora inmediata do servizo de recollida de voluminosos: máis medios, coordinación e un calendario claro que garanta a retirada eficiente. “Non pedimos cousas imposibles: pedimos o básico, o esencial e o necesario. E que a administración local, despois de máis dunha década gobernando, debería ter xa os deberes feitos nese eido. A menos que lle guste ter todo emporcado e desordenado”, engaden.