O deputado Oscar Insua afirma que “non queremos máis escusas da Consellería de Sanidade. Fisterra está farta de tantas promesas incumpridas, queremos máis feitos e menos palabras”.
O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento galego nas que pide á Xunta de Galiza que impulse as xestións necesarias para construír un novo centro de saúde en Fisterra, licitando nesteano 2025 a redacción do proxecto de execución, así como dotar nos vindeiros orzamentos do ano 2026 unha partida orzamentaria suficiente para financiar a súa construción.
O parlamentario nacionalista lembrou que o concello de Fisterra leva máis de vinte anos esperando por un novo centro de saúde de atención primaria, e que dende polo menos o ano 2005 o consistorio fisterrán leva ofrecendo diversas parcelas para que a Consellería de Sanidade constrúa un edificio de servizos sanitarios accesible, funcional e adaptado á normativa técnica.
O BNG sinalou que o actual centro médico segue no edificio do Instituto Social da Mariña, construído hai máis de corenta anos, con espazos vellos e obsoletos tanto para as consultas como para atender aos doentes nas condicións desexables. “Un edificio que carece de accesos para persoas con discapacidade, xa que teñen que utilizar o ascensor do Concello, edificio anexo, que se instalou na última reforma, e no cal non cabe unha padiola”, indicaron os nacionalistas, que subliñaron que” os accesos que posúe son unicamente por medio de escaleiras, dado que se sitúa nunha terceira planta, e a accesibilidade que ten sen elas é mediante unha pendente en caracol cun ancho que non chega a un metro”.
Oscar Insua manifestou que “a Xunta leva mareando ao Concello dende hai máis de vinte anos, e namentres non houbo avance ningún, todo son lerias, sempre hai un pero; temos que exixirlle ao Sergas que redacten xa o proxecto do centro de saúde para comezar as obras canto antes, e dende o BNG imos traballar nese camiño”.
Pola súa banda, a portavoz do BNG de Fisterra, Tereixa Fernández, afirmou que “desde o noso grupo xa levamostempo propoñendo que o centro de saúde se faga nos terreos municipais situados en San Roque, que son recollidos noPXOM como zona para servicios sociais e culturais”. A voceira nacionalista insistiu en que “levamos moitos anos reivindicando un novo centro médico decente, que fai moita falta, para que os pacientes deixen de usar un lugar que non é o axeitado e que non responde ás súas necesidades”.