A Plataforma Sanitaria na Defensa da Sanidade Pública da Mariña mantén a súa convocatoria de mobilización quincenal contra a crise de persoal na comarca. A próxima concentración terá lugar o xoves 2 de outubro ás 11:30 horas, e cambia a súa ubicación á Praza do Concello de Viveiro, buscando o centro neurálxico da vida social.
O obxectivo da protesta céntrase na falta continuada de médicos de familia e pediatras, unha carencia que, segundo a Plataforma, pon en risco a saúde e a vida da cidadanía.
Sinaturas contra o «culpable» da Xunta
Coincidindo coa concentración, instalarase de novo a mesa de recollida de sinaturas iniciada en setembro, que tivo unha excelente acollida en Viveiro e localidades veciñas. O documento vai dirixido ao conselleiro de Sanidade, a quen a Plataforma considera «o máximo responsable e, polo tanto, culpable, xunto co Goberno do PP, da perda de servizos sanitarios que padece Viveiro e toda A Mariña».
Samuel Bouza, voceiro da Plataforma, sinala que o déficit sanitario non afecta só a Viveiro: O burato de sanitarios no centro de saúde de Viveiro esténdese a Ourol e O Vicedo, poboacións que tamén están moi deficitarias. Viveiro vese obrigado a absorber unha sobrecarga de urxencias cando faltan os profesionais nesas localidades, unha situación que se arrastra desde hai case dous anos».
Destrución da atención básica
Montse Porteiro, coordinadora do colectivo, fai un chamamento á cidadanía para que acuda á Praza do Concello e asine as demandas: Estamos ante a destrución do nivel de atención básica, algo que afecta a todas as persoas. Cando os profesionais sanitarios non están ao completo, a asistencia non está garantida, como puidemos comprobar este verán na localidade veciña de Xove».
A Plataforma anima a todos os veciños e veciñas da Mariña a unirse á protesta para esixir á Xunta que garanta unha asistencia sanitaria pública e de calidade na comarca.