A conselleira María José Gómez inaugurou hoxe a xornada Galicia-Gandaría Extensiva, organizada por Unións Agrarias en Lugo, onde destacou o papel deste modelo gandeiro como barreira natural fronte aos incendios forestais.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe o papel que desempeñan as razas gandeiras autóctonas galegas na xestión e protección do territorio, así como o compromiso de apoio por parte da Xunta a este recurso fundamental do noso agro co fin de garantir a súa conservación e traballar no seu impulso. Un apoio á gandaría en extensivo que se fai por ser un modelo que contribúe a fixar poboación, a conservar a biodiversidade e a xerar oportunidades sostibles no rural.
Neste sentido, Gómez lembrou que desde o seu departamento convocouse por primeira vez este ano unha novidosa orde de axudas á recría de gando bovino e ovino-cabrún ameazado, cun orzamento de 390.000 euros. Ademais, a conselleira puxo en valor os convenios asinados tamén neste 2025 con varias entidades para apoiar os criadores destas razas na súa conservación e recuperación, a través de actividades que permitan acadar ese obxectivo.
En total, estes acordos supoñen un investimento conxunto de máis de 2,5 millóns de euros ata o 2027 e asináronse coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga); a Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel); as dúas asociacións dedicadas ao fomento do Cabalo de Pura Raza Galega e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).
Barreira natural fronte ao lume
A titular de Medio Rural fixo estas consideracións na inauguración da xornada Galicia-Gandaría Extensiva, organizada por Unións Agrarias no Centro de Empresas e Innovación (CEI)-Nodus, onde salientou este tipo de actividade como barreira natural fronte os incendios forestais, xa que contribúe a que o monte estea ben xestionado e en produción. Nesta liña, a conselleira, que estivo acompañada polo secretario xeral da organización profesional agraria, Roberto García, puxo en valor iniciativas como o plan de pastos da Xunta, cun investimento de 10,5 millóns de euros desde o ano 2020 e máis de 1.930 hectáreas mobilizadas.
Ademais, Gómez destacou que este tipo de eventos serven para compartir experiencias e ideas que buscan seguir construíndo o futuro da gandaría galega, unha actividade económica que, afirmou, “é parte da nosa identidade, do noso xeito de vivir”. Neste sentido, puxo en valor o prestixio que leva anos gañando a carne de vacún galega, o que se amosa nos prezos e na demanda deste produto grazas a unha “orixe garantida” e un traballo feito con respecto polo medio ambiente. Engadiu que as explotacións gandeiras galegas están á vangarda en modernidade, xa que souberon adaptarse aos novos tempos para mellorar as condicións de benestar animal e para aplicar tecnoloxías que aumentan a súa eficiencia. Son explotacións “competitivas”, que serven de exemplo en Europa, manifestou.
Defensa dos intereses dos gandeiros en Europa
A maiores, a conselleira tamén fixo fincapé no rexeitamento desde Galicia á proposta da nova Política Agraria Común (PAC) da Unión Europea, dado que implica un recorte de fondos e a desaparición dos dous piares de apoio actuais. Neste sentido, reiterou a esixencia ao Goberno central, que debe defender con contundencia en Bruxelas os intereses do sector primario na nosa comunidade, como así se lle trasladou en diferentes ocasións.
Engadiu tamén a postura respecto ao acordo co Mercosur, un dos temas tratados durante esta xornada, sobre o que destacou que se seguen esixindo garantías respecto a que a entrada dos produtos destes países non supoña unha competencia desleal e que cumpran os mesmos estándares ambientais, sanitarios e de benestar animal que se esixen na UE.