O BNG esixe ao Goberno depurar responsabilidades frente “á neglixencia manifesta nos erros do sistema COMETA” e reclama a súa xestión pública

Carme da Silva demanda avaliación pública e transparente, depurar responsabilidades políticas e empresariais e unha xestión do sistema cen por cen pública.

A senadora do BNG, Carme da Silva, demanda ao Goberno asumir todas as responsabilidades derivadas da neglixente xestión polos fallos no sistema COMETA durante a comparecencia da Ministra de Igualade no Senado. A senadora nacionalista defende que o servizo sexa absorbido pola Administración Pública para construír un sistema fiábel, seguro e estábel con suficientes medios materiais e humanos. Do mesmo xeito, o BNG exixe unha avaliación pública e transparente dos erros así como a asunción de responsabilidades, políticas e por parte das empresas adxudicatarias.

“Este é un tema grave, serio e de grande preocupación social. A violencia machista é un dos problemas máis graves que afrontamos como sociedade. Un problema estrutural que apela todos os ámbitos e require de medidas transversais e de posicionamentos claros” explicou Carme da Silva durante a comparecencia da Ministra de Igualdade sobre os fallos do sistema COMETA.

Erros, todos eles, que non remataron coa migración de datos polo cambio da empresa adxudicataria senón que, tal e como viña alertando o BNG, se producían antes, durante e despois. “O Goberno non pode escudarse no contrato: o sistema xa funcionaba mal” recalcou a senadora nacionalista.

BNG responsábel e construtivo frente ao carroñeirismo do PP

O BNG actuou desde que coñeceu o que sucedía: “con iniciativas parlamentarias desde 2024, aportando medidas complementarias e que solucionasen o problema. Desde a denuncia responsábel e a crítica construtiva” lembrou Da Silva. Pola contra, “o PP non fixo nada” e utilizou o tema para facer declaracións irresponsábeis e aumentando a preocupación da sociedade: “carroñerismo político” denunciou comparando as iniciativas nacionalistas coa inexistencia de iniciativas por parte dos populares.

“O BNG estivo do lado das vítimas, achegando propostas serias e construtivas. O PP, pola contra, limitouse ao carroñerismo político: un lamentábel espectáculo de recosificación das vítimas de violencia machista nun exercicio do machismo máis rastreiro empregando as vítimas de violencia machista como arma partidista” destacou.

Depurar responsabilidades e medidas para garantir a protección das vítimas

“A xestión desta crise foi neglixente, señora Ministra. As explicacións chegan tarde, a rebufo, existindo máis sombras que luces” reprochou a senadora nacionalista. Neste sentido, o BNG reclama unha avaliación pública e transparente e depurar responsabilidades, tanto no campo político –se as houber- como por parte das empresas adxudicatarias.

“As mulleres afectadas teñen dereito a saber que pasou, se se reforzaron as medidas de protección ante os fallos, por que as empresas tardaron tanto en resolver os problemas, se se incumpriron os pregos de contratación, se se van sancionar a estas empresas. Teñen dereito a coñecer que consecuencias tiveron estes fallos e a cantas mulleres afectou” subliñou Da Silva.

Por outra parte, a senadora nacionalista defende a necesidade de que o sistema COMETA sexa absorbido pola Administración Pública. “Debe ser un sistema público, de xestión cen por cen pública e con suficientes medios –materiais e humanos- que permitan convertelo nun sistema fiábel, seguro e estábel” subliñou Carme da Silva.

“A confianza no sistema de protección é unha peza fundamental para que as mulleres poidan recompoñer a súa vida con dignidade desde unhas situacións tan duras. O sistema debe funcionar, debémosllo ás mulleres que poñen a súa vida e a súa tranquilidade nas súas mans” sentenciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios