O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou no último pleno un rogo solicitando a eliminación da simboloxía franquista que permanece visible en fontes e lavadoiros públicos das parroquias de Suevos e Loureda, en cumprimento da vixente Lei de Memoria Democrática.
O voceiro socialista, Martín Seco, lembrou que a lei obriga ás administracións locais a retirar este tipo de elementos, xa que «exaltan a ditadura e a sublevación militar, e deben desaparecer dos espazos públicos por respecto á memoria e á convivencia democrática».
Crítica á «banalización» do PP
Os socialistas cualificaron de «inadmisible» a resposta do grupo de goberno do PP, que asimilou a proposta coa posibilidade de eliminar tamén as pagas extras, as presas hidráulicas ou o seguro de enfermidade. O PSdeG censura que o goberno local banalizase unha cuestión tan seria como a reparación da memoria democrática.
“É inaudito que o PP se permita ridiculizar unha lei aprobada nas Cortes Xerais e que é de obrigado cumprimento para todos os concellos”, afirmou Seco. O voceiro insistiu en que «os símbolos franquistas non poden seguir expostos en espazos públicos, e moito menos ser obxecto de chanza por parte de quen ten a responsabilidade de gobernar este municipio”.
Lavadoiro en Loureda
O Grupo Socialista pide que se inicien de inmediato os trámites para retirar as referencias franquistas destas dúas infraestruturas e subliña que a Lei de Memoria Democrática é clara: este tipo de símbolos non teñen cabida en elementos visibles para a cidadanía.