No marco da conferencia sobre vivenda que esta semana tivo lugar en Bruxelas e dado que o acceso á vivenda é a principal preocupación das galegas e galegos, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu a necesidade de que se destinen máis recursos para vivenda e menos para a escalada armamentística, que se considere a vivenda como un dereito e non como un ben para especular.
Na conferencia, -que contou coa participación do Comisario de Vivenda, Dan Jørgensen e o tenente de alcalde de Lugo, entre outros-, a eurodeputada galega salientou que, a día de hoxe, en Europa hai 1,3 millóns de persoas sen fogar, das que 400.000 son nenas e nenos, e 50 millóns de cidadáns da UE atópanse en pobreza enerxética. Ademais, explicou que en Galiza, debido ao aumento do prezo dos alugueres, o 73,6% dos mozos e mozas galegas menores de 30 anos aínda viven coas súas familias por non poderen pagar un aluguer, como en moitos lugares de Europa.
“En 2025, nas rúas dos nosos países, incluído o meu, berramos por unha vivenda digna, para que todas e todos teñamos cartos suficientes para non escoller entre pagar a factura da luz ou encher a cesta da compra”, manifestou Ana Miranda, quen sinalou que aínda que na actualidade existe un Comisario de Vivenda e Enerxía, o Parlamento Europeo ten unha Comisión de Vivenda, e a Comisión vai presentar este ano o primeiro Plan Europeo de Vivenda Asequible, “aínda falta moito por facer”.
Pobreza enerxética
A eurodeputada do BNG critica que a vivenda segue a ser considerada coma un ben económico, un privilexio, e non un dereito humano. “Hai vivenda para todas, pero ten que ser asequible, sustentable e digna”, subliñou, polo que expresou o seu firme compromiso a seguir traballando en Bruxelas para que o vindeiro Marco Financeiro Plurianual adique a políticas de vivenda orzamentos suficientes para mudar a situación.
Posto que en Galiza o 21,6% de galegos e galegas se atopa en situación de pobreza enerxética -dato que sitúa a Galiza por riba do dato do Estado español-, Ana Miranda explica cales serán as vindeiras liñas de actuación. Por un lado, considera fundamental a posta en marcha dun fondo europeo de vivenda, así como un fondo maior para a renovación das vivendas. “Se a UE quere renovar 35 millóns de vivendas antes de 2030, precisamos máis recursos para a vivenda, e menos para a guerra”, asegurou.
Ademais, para a eurodeputada galega é preciso un maior control sobre a eficiencia enerxética dos alugueres, -porque non todo vale como aluguer-, e un maior control sobre os alugueres temporais, con políticas para a xente e o comercio local. “Ademais precisamos que non haxa ninguén sen teito cada noite, porque é unha vergonza que en Europa, máis de 1 millón de persoas durman na rúa cada noite”, apuntou.