Óscar Benito. Por @DulceCorcu

Hai unhas semanas, aos que seguimos a Óscar Benito nas redes sociais ademais de na tele, unha das súas publicacións partianos o corazón: anunciaba que deixaba de ser o presentador do «En Xogo». Non aclaraba os motivos pero tampouco facía falla, abonda ver o resultado para saber que ese plató desde o que tantos domingos nos ten dado as boas noites, xa non era o do «seu» programa.

O esperpento «PostBenito» nútrese agora dun espectáculo que queren facer pasar por deportivo, pero só é un burdo remedo de tertulias onde o que menos importa é o fútbol, porque todo vale en aras de non parecerse ao que sempre foi o En Xogo, un tempo de rigor e profesionalidade con vocación galega, o único reduto onde ver categorías que parecen non existir en ningún outro lugar. Alén diso, o tratamento familiar, o respecto co que se narraban os goles do Ourense ou o Somozas, que nada tiñan que envexar aos dos equipos da elite. Óscar Benito era moito máis que o condutor dun programa televisivo, era tamén a confianza, a certeza de que íamos recibir a información tal como se desenvolvía, sen adornos suplerfluos nin guerra de «influencers». Un tempo que xa parece lonxano e apenas vén de rematar….Pero que deixa ferido de morte non só aos espectadores, senón tamén a ese fútbol galego que era referente baixo a súa dirección. Non naceu Infanta de España e el si ten moitos méritos ás costas, pero unha Medalla Castelao debera levar o seu nome. Quizais, das poucas que ninguén discutiría. Fágase! 

Comparte éste artículo
No hay comentarios