O Bloque Nacionalista Galego de Monterroso, a través do seu concelleiro, Brais Vázquez, vén de presentar no Concello un rogo urxente para que se poñan os medios necesarios que permitan eliminar de inmediato un vertido que leva tempo producíndose na zona do Rego do Salgueiral, nas inmediacións da estrada que une o IES Monterroso con Podente, preto do desvío cara a Esporiz.
Segundo sinala o BNG, a situación leva meses sen resolverse de feito o BNG xa puxo en coñecemento diante do concello este feito en xaneiro do 2024, e afecta de forma directa á contorna natural do regato, onde se acumulan residuos orgánicos, biolóxicos e plásticos, así como restos procedentes de inodoros e augas fecais. “As bocas de saída desbordan e deixan todo o lixo na superficie, provocando un fedor insoportable e unha imaxe lamentable para quen pasa pola zona”, explica o concelleiro nacionalista.
O problema agravouse nas últimas semanas, tras o rebentón dun dos tubos situado máis arriba, que verte directamente cara ao regato co mínimo incremento de consumo de auga ou poboación. O BNG advirte de que a situación “vai empeorar de maneira evidente coa chegada das choivas do inverno”, xa que o arrastre dos residuos podería provocar contaminación no leito do regato e nas zonas agrícolas e naturais próximas.
A formación nacionalista achegou fotografías ao Pleno municipal, e volveras a achegar neste vindeiro pleno de outubro para que o goberno local “non poida alegar descoñecemento” e comprobe de primeira man a gravidade da situación: “é intolerábel que se permita unha vertedura deste tipo tan preto dun centro educativo e dun espazo natural, sen que se actúe con urxencia”, sinala Brais Vázquez.
Desde o BNG lembran que o Concello ten a obriga de garantir o correcto funcionamento das canalizacións e a protección dos cursos de auga, así como de evitar calquera vertido incontrolado que poida afectar á saúde pública ou ao medio ambiente, tal e como establece a lexislación galega e estatal en materia de augas e residuos.
“Non se pode mirar para outro lado mentres se contaminan os regatos e se pon en risco o contorno dun instituto e dun núcleo habitado. É responsabilidade do goberno municipal actuar de inmediato para solucionar o problema e depurar responsabilidades se fose necesario”, subliña Vázquez.
O grupo nacionalista insiste en que o Concello debe poñer os medios técnicos e humanos necesarios para reparar o sistema de canalización, limpar a zona afectada e garantir que non volva repetirse unha situación semellante. “Falamos de saúde pública, de protección ambiental e tamén de dignidade para Monterroso”, conclúe Brais Vázquez.