O BNG denuncia no Senado o intento do PP de recentralizar o deporte e impedir o recoñecemento das seleccións galegas

Carme da Silva, ao PP: “É lamentábel o seu empeño por impedir que a Galiza teña presenza oficial no ámbito deportivo internacional.

A senadora do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Carme da Silva, criticou con firmeza no Senado a Proposición de Lei presentada polo Partido Popular para modificar varios artigos da Lei do Deporte, unha iniciativa que cualificou de “reiterativa, ideolóxica e recentralizadora” coa que o PP “pretende impoñer unha visión uniforme de España e negar a realidade plurinacional do Estado”.

A representante do BNG denunciou que “a obsesión do PP por trasladar unha imaxe uniforme de España lévaos ao absurdo de reclamar que deportes que só se practican en Galiza dependan de federacións españolas, moi españolas, para poder competir”.

“Resulta hilarante que se fale do Senado como cámara de representación territorial mentres o PP o converte nun chiringuito recentralizador” ironiza.

Da Silva lembrou que non é a primeira vez que o PP amosa a súa concepción retrógrada e excluínte do deporte. En abril, o grupo popular aprobou no Senado unhas conclusións da Ponencia de estudo sobre o deporte de base e o deporte feminino que “introducían abertamente a transfobia, ao pretender que só puidesen competir mulleres biolóxicas”.

Así mesmo, denunciou que no Parlamento galego o PP rexeitou en xullo unha iniciativa do BNG para actualizar a Lei do Deporte de Galiza e eliminar os obstáculos que impiden unha igualdade efectiva na práctica deportiva, “negándose tamén a aprobar medidas contra a discriminación das mulleres e do colectivo LGTBI”.

“A concepción do deporte que defende o PP lembra ao modelo da Sección Feminina e do Movemento Nacional. É lamentábel o seu empeño por impedir que Galiza teña presenza oficial no ámbito deportivo internacional” sinalou Da Silva.

A senadora destacou que a Galiza conta con grandes deportistas e éxitos recoñecidos internacionalmente, e que o PP “só demostra os seus medos e temores: temen que a súa España perda gloria se deixan que as demais nacións compitan coa súa bandeira e coa súa selección propia”.

Finalmente, Da Silva criticou a incoherencia do PP, que “mentres se esforza en impedir a participación do deporte galego, vasco ou catalán en competicións internacionais, apoia e aplaude a presenza do Estado xenocida de Israel neses mesmos eventos para utilizar o deporte como medio de branqueo do sionismo”.

“O BNG está e estará sempre do lado do deporte galego, da igualdade, do dereito á existencia das seleccións nacionais galegas e dos pobos que loitan pola súa liberdade, como o pobo palestino” concluíu a senadora do BNG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios