O salón galego do videoxogo Píxel á Feira busca proxectos e propostas para o seu mercado e zonas interactivas

Píxel á Feira convida a creadoras, comercios e devs a participar co seu proxecto ou posto na primeira edición deste salón do videoxogo.

Píxel á Feira, o primeiro salón do videoxogo de Galicia dedicado en exclusiva a este medio, abre o prazo de inscrición para todas as persoas, entidades e negocios que desexen formar parte do evento con posto propio ou presentando o seu proxecto. A participación é de balde, pero as prazas son limitadas, con prioridade para as propostas chegadas desde a provincia da Coruña e para aquelas que mellor encaixen coa filosofía e contidos do encontro.

O salón, organizado pola Deputación da Coruña, que se celebrará no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela os días 8 e 9 de novembro, busca converterse na gran cita anual para profesionais, creadoras e afeccionadas ao mundo do videoxogo. Durante dous días ofrecerá un espazo aberto á creatividade, á innovación e á comunidade, combinando zonas de exposición, experiencias interactivas, charlas e actividades para todos os públicos.

As persoas e entidades interesadas poden inscribirse a través do formulario dispoñible na páxina web oficial do evento. 

Zonas e modalidades de participación

En Píxel á Feira hai espazo para todo tipo de propostas vencelladas ao mundo do videoxogo, desde proxectos profesionais ata iniciativas independentes, educativas ou culturais. As persoas, entidades ou negocios interesados poden participar na Zona Mercado, na Zona Interativa ou no escenario DLC.

O Mercado é un espazo pensado para comercios e iniciativas vencelladas ao universo do videoxogo: tendas especializadas, librarías, artistas, artesanía, ilustración, merchandising ou produtos de colección. Un lugar perfecto para dar a coñecer proxectos, vender, facer contactos e conectar cun público apaixonado pola cultura dixital. Os estudos e desenvolvedoras, asociacións, centros de ensino ou colectivos que queiran mostrar o seu traballo poden facelo na Zona Interactiva. Aquí poderanse descubrir novos títulos, ideas e prototipos, ademais de intercambiar coñecementos e inspiración.

Por último atópase o Escenario DLC, o espazo máis dinámico de Píxel á Feira, pensado para presentacións, charlas, showcases, obradoiros, torneos, podcasts ou encontros en directo. Un lugar aberto á participación e á creatividade, no que o público poderá coñecer proxectos, conversar con creadoras e vivir a cultura do videoxogo de primeira man.

Con esta convocatoria, Píxel á Feira dá un novo paso na súa posta en marcha, ofrecendo unha plataforma para visibilizar o talento galego e fortalecer o ecosistema do videoxogo desde Galicia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios