O secretario xeral do PSdeG en Santiago, Aitor Bouza, reclamou hoxe á Xunta de Galicia que inclúa nos orzamentos de 2026 unha partida para construír un novo centro de saúde en Conxo. O socialista cualificou a reforma en marcha de «parche insuficiente» para atender o crecemento demográfico do barrio.
«Non chega con reformalo, non chega con amplialo, senón que fai falta un novo centro de saúde en Conxo», subliñou Bouza, quen tamén acusou ao Goberno de Rueda de «castigar claramente a cidade de Santiago». Neste sentido, cuestionou se este trato se debe a que o Partido Popular non goberna na capital galega e esixiu que «o compromiso con Santiago se demostre con feitos».
Bouza sinalou que a demanda de «un novo centro de saúde» non é do PSdeG, senón «dos veciños e veciñas de Santiago», e pediu o apoio do PP local para esta iniciativa. O grupo socialista xa rexistrou iniciativas parlamentarias e presentará emendas aos orzamentos para forzar un debate sobre esta cuestión.
Ademais da atención sanitaria, o deputado referiuse á situación do Mosteiro de Conxo, un Ben de Interese Cultural. Anunciou que o seu grupo pedirá explicacións á Xunta sobre o estado do seu mantemento e conservación. Tamén propuxo que o mosteiro se abra á cidadanía para poñer en valor a súa riqueza patrimonial.
«A día de hoxe, ter un patrimonio da humanidade do que non se pode dispor por parte da cidadanía é como pechar as portas a algo tan fermoso», concluíu Bouza.