O PP esixe explicacións sobre a xestión da auga e reclama solucións para o mal estado do campo de fútbol da Pinguela

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte preguntarán no pleno do luns en que punto se atopa a tramitación do novo contrato de abastecemento e saneamento.

A voceira popular destaca que tamén se pedirá ao goberno de José Tomé que concrete as medidas previstas para mellorar as instalacións deportivas da Pinguela.

Katy Varela sinala que estas dúas preguntas teñen como obxectivo coñecer a situación de asuntos de interese para os veciños: a tramitación do novo contrato de xestión do abastecemento e saneamento da auga e o estado no que se atopa o campo de fútbol da Pinguela.

Por unha banda, solicitarase información sobre en que punto se atopa o procedemento para a contratación do servizo de abastecemento e saneamento da auga, unha cuestión sobre a que consideran necesario que o goberno local ofreza explicacións claras e actualizadas. 

Por outra banda, coñecer que medidas ten previsto adoptar o Concello ante o mal estado do campo de fútbol da Pinguela. Dende o Grupo Municipal Popular  considérase necesario que o executivo local explique cales son as actuacións que contempla para mellorar estas instalacións deportivas e garantir que se atopen nas condicións adecuadas para a práctica do fútbol.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular defenden a importancia de que o goberno local dea conta da súa xestión, informe dos procedementos en marcha e concrete as actuacións que pensa desenvolver, de maneira que a cidadanía poida coñecer a situación real destes asuntos e as solucións previstas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios