O Concello de Lugo habilitará un paso de peóns semaforizado na Avenida da Coruña para mellorar a seguridade viaria

O Concello de Lugo executará as obras para habilitar un novo paso de peóns semaforizado na intersección da Avenida da Coruña coas rúas Río Narla e Reverendo Fernández Gómez, unha actuación que permitirá mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos peonís nun  tramo da Avenida de A Coruña con moita intensidade de tráfico.

A intervención, cun investimento de 29.597,14 euros e un prazo de execución dun mes, responde a unha demanda trasladada por distintas asociacións veciñais da contorna.

Na actualidade non existe ningún paso de peóns entre o situado antes da intersección con Curros Enríquez e Illas Cíes e o localizado nas proximidades da rúa Montefaro, o que obriga aos peóns a realizar un percorrido considerable para cruzar esta vía con seguridade.

Tras analizar as distintas alternativas, os servizos técnicos municipais concluíron que a intersección coa rúa Río Narla é a localización máis axeitada para implantar este novo paso, xa que permite aproveitar a regulación semafórica existente incorporando unha fase específica para os peóns. Desta forma, garántese un cruzamento seguro, ao tempo que se minimiza a afección ao tráfico rodado.

As obras

A actuación inclúe a execución da obra civil necesaria para instalar unha nova columna semafórica na marxe dos números impares da Avenida da Coruña, coa correspondente canalización, cableado e equipamentos que permitirán integrar o novo paso de peóns na regulación semafórica xa existente.

Ademais, realizaranse os rebaixes de beirarrúas necesarios para garantir itinerarios accesibles e eliminar barreiras arquitectónicas, renovarase toda a sinalización horizontal da intersección —incluíndo os pasos de peóns existentes— e retirarase unha árbore incompatible coa localización da nova columna semafórica.

Comparte éste artículo
No hay comentarios