O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou hoxe na inauguración do Foro Executivo Corredor Galicia & Asia 2025, celebrado no Edificio Cáctus do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. O evento, que conta co apoio institucional da Deputación de Lugo, busca reforzar a cooperación entre Galicia e Asia en eidos clave como a innovación, a saúde, a alimentación e o desenvolvemento sostible.
Durante o acto, Rivera subliñou que «Lugo se converte hoxe nunha ponte entre Galicia e Asia, dous territorios que comparten a ambición de avanzar cara a un desenvolvemento máis humano, innovador e sostible”.
O Deputado puxo en valor o dinamismo do tecido empresarial da provincia, destacando que «en Lugo temos empresas e asociacións con talento e ganas de medrar». Rivera sinalou que o foro «é unha oportunidade real para establecer relacións con empresarios doutros países, exportar produtos, atraer investimento e innovar en sectores estratéxicos como a saúde, a alimentación e o envellecemento».
A Deputación resalta que o encontro amosa a capacidade de Lugo para acoller proxectos de relevancia internacional e atraer talento e coñecemento.
O foro está promovido pola Asociación Asia-China para a Cooperación e o Desenvolvemento Internacional (AACCDI) e organizado por Prorural Galicia, coa colaboración da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia.