A Plataforma na Defensa da Sanidade da Mariña manifesta que apoia e acudirá á concentración convocada polo Concello de Barreiros o próximo luns día 13 de outubro ás 12 horas diante do centro de saúde da localidade en demanda da cobertura urxente das ausencias do persoal médico. Este colectivo social, referente na loita por unha sanidade pública de calidade, próxima ,equitativa e que defende a cobertura ao cen por cen de todo o persoal en todos os niveis asistenciais, súmase ás reivindicacións do Concello de Barreiros , que despois dun período estival cos servizos saturados, tanto polo aumento da poboación como polo déficit do persoal de plantilla, así como pola ausencia un ano máis de persoal para a atención das persoas desplazadas, ten agora que sufrir a ausencia total de persoal facultativo desde hai máis dunha semana.
Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña animamos a todas as persoas de Barreiros, así como dos concellos veciños e en xeral de toda a comarca, a que acudan a esta concencentración diante do centro de saúde para así trasladar ás e aos responsables da xestión sanitaria que non imos consentir que se siga con esta sangría na sanidade pública que afecta á saúde e mesmo á vida das persoas , como se puido comprobar este verán. A coordinadora do colectivo social, Montse Porteiro reitera unha vez máis que “asistencia sanitaria non está garantida na comarca nin tampouco o está en Barreiros mentres non se cubra o cen por cen das ausencias de todo o persoal no momento en que se produzan .”