A UVigo volve repetir na franxa 801-1000 entre as mellores universidades do mundo segundo o ránking Times Higher Education 2026, publicado este xoves. Deste xeito, a institución académica olívica consolídase nesta posición, á que ascendeu hai dous anos, despois de varias edicións no rango 1001-1200.
A clasificación de 2026 é froito da análise de 2191 institucións de 115 países e territorios empregando unha metodoloxía que inclúe 18 indicadores de eidos como a investigación, a docencia ou a internacionalización.
O punto forte, a calidade da investigación
A Universidade de Vigo acadou nesta nova clasificación unha puntuación de entre 35.5–38.9 puntos, lixeiramente superior á obtida en 2025, mellorando en todos os indicadores avaliados por Times Higher Education. En concreto, é o I+D o que impulsa á UVigo na táboa con 60.9 puntos sobre 100 no que se refire, en concreto, á calidade da investigación (60.0 na pasada edición). Para avaliar este aspecto, o ránking ten en conta o impacto das citas, a solidez da investigación e a súa excelencia así como a influencia destes avances e propostas.
Outro dos campos con mellor resultado para a UVigo é o relacionado co compromiso coa industria, que valora a capacidade de transferencia de resultados de I+D e as patentes. A UVigo acada 60.1, por riba dos 57.7 puntos do ano pasado.
O eido da internacionalización tamén se salda cunha boa nota 49.8 (fronte aos 48 puntos da edición 2025). Neste campo tense en conta a capacidade para atraer estudantado e persoal estranxeiro e para desenvolver proxectos de investigación e de cooperación internacionais.
No que se refire á docencia, tamén se mellora substancialmente o resultado previo, pasando de 23.9 puntos a 25.2 grazas á reputación, á ratio de docentes/estudantes ou á porcentaxe de doutores respecto do de graduados.
Finalmente, o Times Higher Education 2026 avalía un quinto aspecto, a contorna de investigación e transferencia, no que a UVigo obtén 19.8 puntos, igual que o ano pasado, atendendo á reputación da I+D, aos ingresos por I+D e á súa produtividade.
Oxford continúa á cabeza da clasificación de universidades 2026
A Universidade de Oxford mantén o primeiro posto por décimo ano consecutivo, grazas, principalmente, á súa alta puntuación no eido da investigación, con 100 puntos sobre os 100 posibles e 99.9 no que atinxe á transferencia de coñecemento cara a industria. O Massachusetts Institute of Technology (MIT) ocupa o segundo posto e Princeton University ascende ao terceiro, que comparte con Cambridge. Completan os primeiros postos as universidades de Stanford e Harvard, que empatan no quinto posto. Ata o posto 10, o resto das institucións son todas tamén de EEUU e Reino Unido, e non é ata o posto 11 cando aparece a primeira allea a estes dous países, a ETH Zurich. Pola súa banda, China conta con cinco universidades entre as 40 primeiras, fronte ás tres do ano pasado, pero as universidades máis destacadas mantéñense estables. Hong Kong ocupa seis postos entre as 200 primeiras, o que supón un récord, grazas ás melloras nos indicadores de ensinanza. Ademais, dende Times Higher Education (THE) sinalan tamén que India conta nesta edición co segundo maior número de universidades clasificadas por primeira vez, solo por detrás de Estados Unidos.