Garantir a subministración suficiente de vacinas, promover campañas informativas e adoptar medidas de prevención e vixilancia: medidas que propón o BNG.
A senadora do Bloque Nacionalista Galego, Carme da Silva, demanda ao Goberno do Estado adoptar medidas urxentes diante da chegada da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC), unha enfermidade vírica que afecta ao gando vacún e que xa foi detectada en dúas explotacións de Catalunya.
A parlamentaria nacionalista advirte que esta situación “está a xerar unha enorme preocupación” no sector agrogandeiro galego, “dado o alto risco que supón para a gandaría de leite e de carne, motor económico fundamental do noso país”. O BNG lembra que a Galiza é un dos principais territorios produtores de leite da Unión Europea e que o impacto dunha enfermidade deste tipo podería ser “devastador para centos de explotacións e miles de familias”.
A Dermatose Nodular Contaxiosa é unha enfermidade de declaración obrigatoria segundo o Real Decreto 779/2023 e está clasificada pola Unión Europea como de categoría A, o que implica a obriga de adoptar medidas inmediatas para a súa erradicación. O virus transmítese con facilidade entre animais e tamén a través de vectores como moscas, tabáns e carrachas, provocando perdas produtivas moi elevadas.
Ante esta situación, o BNG reclama que o Ministerio de Agricultura actúe con máxima dilixencia e en coordinación co Goberno galego, establecendo medidas de prevención, control e información que permitan evitar a chegada e expansión do virus en Galiza.
“Débese garantir a subministración suficiente de vacinas frente á Dermatose NodularContaxiosa, de maneira que as Comunidades Autónomas poidan decidir a súa aplicación, especialmente en territorios de alto risco como a Galiza” defende a senadora do BNG.
Ademais, Carme da Silva propón a promoción e divulgación de campañas informativas, en colaboración coas Comunidades Autónomas, dirixidas ás persoas titulares de explotacións gandeiras e ao persoal transportista, para que o sector dispoña de información directa, actualizada e veraz.
“Adoptar medidas de prevención e vixilancia reforzada, co fin de illar e controlar posíbeis casos, evitar a súa propagación e garantir o control estrito do movemento de animais” sinala.
Carme da Silva subliña que “toda prevención é pouca ante unha enfermidade de grande capacidade de contaxio e con consecuencias económicas e produtivas moi graves”. A senadora nacionalista, por último, advirte que “o Goberno debe actuar xa, garantindo vacinas, coordinación e información transparente ao sector, antes de que o virus poida afectar o noso gando e comprometer un dos piares económicos do país”.