A plataforma Arteixo Futuro advertiu esta mañá da absoluta carencia dunha oferta de alugueiro que inclúa ás familias, persoas mozas ou maiores que conviven con animais como un membro máis, subliñando a existencia dunha única oferta nos principais portais inmobiliarios para todo o municipio.
O think tank local explica que as continuadas campañas de desprezo cara os animais, casos moi puntuais de mala actuación e as propias empresas intermediarias teñen xerado na veciñanza que quere alugar un piso un pensamento negativo ao respecto da convivencia cos animais.
Nembargantes esta dinámica non se sostén na realidade: Arteixo é un municipio con centos de cans e gatos nos fogares e non hai, en termos xerais, un problema ao respecto da harmonía lóxica cos demáis veciños.
Arteixo Futuro lembra, en todo caso, a existencia de seguros con coberturas específicas para o coidado dos animais e que cubren calquera incidencia causada polos mesmos, con independencia da responsabilidade das persoas alugadas de manter en boas condicións a vivenda.
A pesares da reforma do Código Civil na pasada Lexislatura, que pasa a considerar aos animais como “seres sentintes”, e tamén da Lei Hipotecaria para evitar que poidan ser considerados “bens embargables”, todavía a Lei de Arrendamentos Urbáns obvia esta problemática e non ofrece un amparo básico ás persoas potencialmente arrendatarias.
Resulta evidente que a conciencia e a preocupación polo benestar e a convivencia con animais tense incrementado de xeito sustancial no conxunto do territorio galego. En 2017 Galicia foi pioneira cunha nova Lei de Benestar Animal que contemplaba sancións por prácticas antes permitidas, como o encadeamento dos animais ou por deixalos en espazos inaxeitados, como terrazas.
Qué é Arteixo Futuro?
Xurde como plataforma veciñal para plantexar ideas e propostas que permitan mellorar Arteixo e o conxunto dos seus núcleos habitados. Primeiro nunha contorna dixital, cunha comunidade de ducias de veciñas e veciños, tamén persoas traballadoras no municipio.