O documental ‘Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración’ estréase mañá no Museo do Pobo Galego

Screenshot

O filme é unha homenaxe á traxectoria do programa de radio «Sempre en Galicia» no 75 aniversario da súa creación.

O documental Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración estrearase mañá no Auditorio do Museo do Pobo Galego, ás 19 horas.

O filme, dirixido por Xan Leira, é unha homenaxe á traxectoria do programa de radio Sempre en Galicia, promovido desde o exilio galeguista e republicano do Río da Prata desde 1950, no contexto do 75 aniversario da súa creación. 

A súa emisión ininterompida desde 1950 converteuno nun testemuño vivo de resistencia cultural e política. Durante décadas, foi o único espazo radiofónico en lingua galega e supuxo ademais unha ponte entre a diáspora e Galicia, permitindo ás persoas emigrantes manter vivo o seu vínculo coa súa terra natal e o seu idioma. 

O audiovisual, producido por Memoria Documental de Galicia S.L., coa colaboración da Xunta de Galicia e o Patronato de Cultura Galega de Montevideo, inclúe os testemuños de Antonio «Toni» de Seárez, Ana Lorenzo e Francis Queijo, responsables actuais do programa; José Piñeiro, presidente do Patronato de Cultura Galega; Mónica Rebolo, autora do libro Bos días galegos, eiquí sempre en Galiza; Lois Tobío Fernández, Xoán Martínez Castro, Cristina Samuelle, autora do libro Conversas con Manuel Meilán; Yolanda Díaz Gallego, Manuel Suárez Suárez, José-María Monterroso Devesa, Carlos Sixirei Paredes e Fernando Novo, excolaboradores do programa. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios